O CITIC da UDC únese á G-Night 2024 con actividades de divulgación científica para todas as idades
O CITIC da Universidade da Coruña participará activamente na G-Night 2024, unha xornada dedicada á divulgación científica, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo e a Unidade de Divulgación da UDC. O evento terá lugar o venres 27 de setembro e contará con actividades deseñadas para diferentes públicos, tanto nas instalacións do CITIC como no MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía).
Actividades no CITIC
Un grupo de estudantes de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe, en Culleredo, terá a oportunidade de visitar o CITIC nunha actividade exclusiva para centros educativos.
De 11.00 a 11.30, a xornada comezará cunha conferencia impartida por Susana Ladra González, investigadora do CITIC, titulada “Pegadas dixitais musicais: como se representan e buscan cancións na internet”, onde se explicará o proceso de identificación de cancións mediante tecnoloxía dixital.
A continuación, de 11.30 a 13.30, os estudantes participarán nunha visita guiada polas instalacións, na que coñecerán os proxectos que levan a cabo en áreas como intelixencia artificial, big data e computación de alto rendemento.
Actividades no MUNCYT
O MUNCYT será outro punto clave da G-Night, cun variado programa de charlas e talleres que abordarán temas tecnolóxicos e científicos de actualidade, dirixidos tanto a adultos como a público infantil.
A partir das 18.00, ofreceranse unha serie de conferencias breves, cunha duración de 15 minutos máis 5 minutos para preguntas, con entrada libre. Expertos da Universidade da Coruña abordarán os seguintes temas:
- 18.00: Recoñecemento facial automático, identidade e control, por Patricia Faraldo Cabana.
- 18.20: Problemas computacionais para obter o xenoma dun individuo, por José Ramón Paramá Gabía.
- 18.40: Relacións entre a lingüística e a Intelixencia artificial, por Margarita María Alonso Ramos.
- 19.00: Unha viaxe polos sistemas de posicionamento, desde o sextante ao GPS, por Carlos José Escudero Cascón.
Pola súa banda, de 18.00 a 19.00 horas levarán a cabo os talleres “TuTIC”, destinados a nenos e nenas entre 8 e 12 anos, cunha cota máxima de 15 participantes. Nestes talleres, coordinados por investigadores do CITIC, os pequenos terán a oportunidade de aprender sobre electromagnetismo, circuítos eléctricos e programación, aplicando estes conceptos en proxectos reais. Os investigadores Adriana Dapena Janeiro, Paula M. Castro Castro, Óscar Fresnedo Arias, Jonatan Enes Álvarez, José Manuel Andión Fernández e Francisco Laport López serán os responsables desta actividade, que busca fomentar a curiosidade e a aprendizaxe práctica, achegando a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de maneira interactiva e divertida.
Astronomía, transferencia tecnolóxica, redes sociais e saúde mental
Outra das actividades previstas con motivo da G-Night son tres sesións sobre astronomía, redes sociais e transferencia tecnolóxica impartidas por investigadores do CITIC, que terán lugar o venres 27 de setembro. A primeira correrá a cargo de Xabier Pérez, quen impartirá a sesión “O metro calculado por un galego do século XIX” ás 19.00 na sede de Afundación de Santiago de Compostela nun acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Na conferencia explicará como unha expedición científica que tiña como obxecto calcular a distancia entre un campanario en Dunkerque e un castelo en Barcelona serviu para establecer a unidade básica de distancia que coñecemos como o “metro”. Nela, un galego estivo involucrado, José Rodríguez González, tamén coñecido como Matemático Rodríguez ou o Matemático do Bermés.
En paralelo, no bar Árnica da Coruña, o investigador Miguel Anxo Pérez Vila analizará os “Síntomas depresivos e uso de redes sociais”, falando de como as redes sociais poden ser empregadas para detectar síntomas de depresión a través de técnicas avanzadas de procesamento da linguaxe natural e aprendizaxe automática. A esta análise sumarase a participación de Paloma Piot Pérez-Abadín, investigadora da UDC en detección de discurso de odio en redes, quen achegará a súa experiencia na identificación de patróns de linguaxe problemática e o seu impacto na saúde mental. Ademais, Laura Hermo, experta en Psicoloxía Evolutiva e da Educación, ofrecerá a súa perspectiva experta sobre a relevancia destas tecnoloxías no desenvolvemento emocional dos mozos.
Por último, no bar La Olímpica, o investigador do CITIC José A. Iglesias-Guitián, impartirá a sesión “Dos cines ás consultas: como a tecnoloxía dos efectos visuais pode impulsar a visualización médica avanzada” na que presentará un exemplo de transferencia de tecnoloxía que naceu no campo dos efectos especiais e do cine de animación para a visualización científica ou médica.
A G-Night é unha excelente oportunidade para que o público xeneral achéguese ao mundo da ciencia e a tecnoloxía, e para o CITIC, representa unha ocasión única de mostrar o seu labor investigador e o seu compromiso coa divulgación do coñecemento científico. Non a perdas!