O CITIC da Universidade da Coruña, integrante do primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica concedido pola Comisión Europea
- O Centro de Supercomputación de Galicia, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela lideran esta iniciativa na Comunidade, na que participan 11 socios de cinco países da Unión Europea
- O proxecto busca fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica
A Coruña, 13 de novembro de 2025.- A Comisión Europea acaba de facer pública a concesión do primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) en Europa, que contará con participación galega a través do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), e por tres centros de investigación da Rede CIGUS da Xunta de Galicia: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), ambos da USC.
Este novo centro, financiado pola Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), está impulsado por un consorcio de 11 socios procedentes de cinco países da UE e ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica.
A participación galega, cun orzamento de 1,36 millóns de euros, estará cofinanciada nun 50% pola Comisión Europea e noutro 50% polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e suporá unha importante contribución á creación dun espazo común europeo para ofrecer servizos e coñecemento aos usuarios de ordenadores cuánticos.
No marco do proxecto QEX, o equipo do CITIC, integrado por Diego Andrade —investigador principal—, María J. Martín, Juan Touriño e Basilio Fraguela, realizará un benchmarking sistemático dos resultados do proxecto, tanto dos algoritmos como das ferramentas de soporte. O posicionamento desta liña de investigación de benchmarking nun proxecto europeo estratéxico permitirá afianzar a relevancia do traballo do CITIC nunha iniciativa competitiva con socios de primeiro nivel.
O Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) funcionará como un punto de referencia para aplicacións e ferramentas de computación cuántica, ofrecendo formación especializada e apoio a usuarios científicos, empresas e industrias de toda Europa. O obxectivo é capacitar persoal altamente cualificado, axudar na adaptación e codesenvolvemento de aplicacións cuánticas, e preparar o tecido investigador e industrial para a próxima era da computación.
Socios participantes
O consorcio QEX reúne 11 socios que representan unha rede diversa de experiencia científica e técnica, procedentes de cinco países da Unión Europea. O proxecto está coordinado polo Stichting QuantumDeltaNL (Países Baixos), e participan tamén a Danmarks Tekniske Universitet, a Københavns Universitet e a Syddansk Universitet, de Dinamarca; a Universidade de Galway, en Irlanda; a Bayerische Akademie der Wissenschaften e o Deutsches Zentrum für Luft– und Raumfahrt, en Alemaña; a Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, Stichting QuantumDeltaN como entidade coordinadora, nos Países Baixos, ademais do Cesga, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela en España.
Novo fito da I+D+i en Galicia
Tras a recente concesión da Fábrica Europea de Intelixencia Artificial, unha das 19 que se implementarán en Europa, e o inicio da construción do novo edificio do Cesga, cun investimento de 56 millóns de euros, Galicia dá un novo paso no seu posicionamento como referente europeo en supercomputación e tecnoloxías cuánticas.