O CITIC e o Consello Social da UDC lanzan o programa “Das TIC ao ceo” para impulsar vocacións tecnolóxicas entre estudantes
20/04/2021 – CITIC
O CITIC e o Consello Social da UDC poñen en marcha o ciclo “Das TIC ao ceo”, un programa de conferencias que ten o obxectivo de fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Así, diferentes profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector, todos eles graduados pola UDC, achegarán a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional aos mozos. Desta forma, visibilízanse casos de éxito para servir como referente e fomentar o interese de cara ás disciplinas STEAM.
O programa inaugúrase este xoves 22 de abril, con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC. A relatora é Ana Freire, investigadora e doutora en Informática, profesora na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, onde tamén é directora do Centro de Estudos de Sostibilidade. Recibiu o Premio Ada Byron Joven 2019 da Universidade de Deusto e foi seleccionada por Business Insider entre os 23 mozos españois de 35 anos ou menos chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Ademais, é a fundadora do proxecto Wisibilízalas.
A charla estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e dirixirase a 100 estudantes de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios da Coruña de forma online.