CITIC

O CITIC expón as súas propostas en seguridade civil na presentación de convocatorias Horizonte Europa

30/05/2024 - CITIC
  • No marco do Info Day do Cluster 3 de Horizonte Europa para proxectos de I+D+i en seguridade que organizaron a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro Tecnolóxico Gradiant o mércores 29 de maio na Cidade das TIC.
  • Solucións TIC para dar resposta a desastres naturais, a mellora da convivencia social ou a loita contra o terrorismo son algúns dos obxectivos do CITIC nesta convocatoria europea.

O CITIC da UDC presentou durante a xornada as súas capacidades e propostas para contribuír á Seguridade Civil en distintos topics da convocatoria. Ademais, mantivéronse reunións bilaterais para explorar as oportunidades nas cinco áreas de investigación do centro: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.

Estas convocatorias financiarán unha ampla variedade de actividades que inclúen o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas, loxísticas, enerxéticas ou baseadas en drons, así como a posta en marcha de novas prácticas de comunicación, o deseño de materiais e infraestruturas. A aplicación destes desenvolvementos debe centrarse na seguridade civil, a resposta a desastres naturais, a loita contra o terrorismo e outras ameazas e a resiliencia da sociedade.

A xornada contou coa participación de Marina Martínez, Punto Nacional de Contacto do CDTI para o Clúster 3 de Horizonte Europa.