O CITIC leva a IA e a ciberseguridade a un dos grandes centros científicos de Londres
- O investigador predoutoral Rubén Pérez Jove realizou unha estancia no grupo kclip do King’s College London
Rubén Pérez Jove, investigador predoutoral FPU do CITIC da Universidade da Coruña, realizou recentemente unha estancia de investigación no grupo King’s Communications, Learning and Information Processing (kclip) do King’s College London. Liderado polo Prof. Osvaldo Simeone, este grupo é un referente a nivel internacional en comunicacións dixitais, teoría da información, aprendizaxe automática, optimización e procesado de sinal.
A estancia foi financiada a través do programa de axudas INDITEX-UDC e co apoio do grupo RNASA-IMEDIR.
Fiabilidade operativa: decisións máis robustas en ciberseguridade
Durante o seu traballo en Londres, Rubén Pérez explorou a aplicación dun marco estatístico chamado “conformal prediction” á súa investigación sobre fingerprinting de sistemas operativos; é dicir, técnicas para identificar que sistema operativo está a empregar un dispositivo só analizando as súas comunicacións. Este enfoque permite ir máis alá da predición tradicional, transformándoa en decisións avaladas por garantías matemáticas sobre a súa fiabilidade. Deste xeito, os operadores de seguridade poden dispoñer dunha medida obxectiva da incerteza asociada a cada decisión, un aspecto fundamental para reducir a aparición de falsos positivos en contornas críticas.
Esta investigación enmárcase na súa tese doutoral, centrada no desenvolvemento de modelos fundacionais de tráfico de rede, un campo emerxente e de alto interese científico. Aínda que se trata dunha liña de alto potencial para a súa aplicación en seguridade de rede, aínda son escasos os estudos existentes nesta área, o que reforza o carácter innovador do traballo realizado, que se pode consultar aquí.
Rubén Pérez desenvolve o seu doutoramento baixo a dirección dos profesores e investigadores do CITIC Jose Vázquez Naya e Alejandro Pazos, grazas a un contrato FPU, e a súa actividade intégrase dentro de dúas das liñas estratéxicas do CITIC: a intelixencia artificial e a ciberseguridade.