CITIC

O CITIC lidera, xunto ao CITENI, o desenvolvemento dun modelo intelixente para optimizar a construción naval

05/08/2025 - CITIC
  • Investigadores do CITIC e do CITENI da Universidade da Coruña deseñan unha ferramenta pioneira que mellora a planificación nos estaleiros e incorpora, por primeira vez, a estratexia real de montaxe do casco.
  • A investigación foi publicada na revista International Journal of Production Research, unha das máis prestixiosas na área da enxeñaría industrial.

O CITIC da Universidade da Coruña avanza no deseño de solucións tecnolóxicas de alto impacto cun novo modelo de optimización para a industria naval, desenvolvido en colaboración co CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais). O traballo supón un salto cualitativo na planificación da produción de buques ao integrar variables reais de operación e unha visión adaptativa dos procesos produtivos.

A proposta foi publicada recentemente na revista International Journal of Production Research, e presenta unha metodoloxía que aplica técnicas de programación por restricións (Constraint Programming) para xerar automaticamente plans de ensamblaxe máis eficientes, reducindo tempos e mellorando o uso dos recursos dispoñibles.

Desde o CITIC, o investigador José A. Becerra forma parte do equipo que desenvolveu este modelo innovador. O seu papel foi determinante no deseño computacional e na implementación da solución, achegando a experiencia do centro en técnicas avanzadas de intelixencia artificial e optimización. A súa participación garante que a ferramenta estea aliñada cos estándares máis esixentes no ámbito das TIC aplicadas á industria.

O modelo baséase en loxaritmos que teñen en conta restricións reais dos estaleiros: dispoñibilidade de guindastres, prazos de entrega, capacidade de almacenamento temporal, estratexias de montaxe e dispoñibilidade de persoal. A combinación destes factores permite unha planificación moito máis precisa, evitando colos de botella e aproveitando ao máximo os recursos dispoñibles.

Flexibilidade, eficiencia e adaptación en tempo real

Unha das grandes innovacións do modelo é a súa capacidade para adaptarse ás diferentes estratexias reais de montaxe do casco —xa sexa en fila, en columna ou en pirámide— e axustar automaticamente a planificación á opción máis axeitada en función dos recursos e obxectivos do estaleiro.

“O noso sistema non impón unha única solución, senón que ofrece criterios obxectivos para apoiar a toma de decisións”, explica Javier Pernas, investigador do CITENI e autor principal do estudo. “Pode priorizar tempos, recursos ou ambos, segundo as necesidades do proxecto”.

A ferramenta tamén introduce unha xestión intelixente do espazo intermedio de almacenamento (buffer), unha das principais fontes de ineficiencia nas plantas de produción. As simulacións realizadas mostran que, ao considerar esta limitación, se pode reducir o uso do buffer ata nun 50 %, mantendo a eficiencia global do proceso.

Un paso máis cara á planificación dinámica

O equipo investigador —con participación activa do CITIC— traballa agora na evolución do sistema cara a unha planificación dinámica en tempo real, que se poida adaptar a cambios inesperados, atrasos ou imprevistos durante a construción.

“O obxectivo é pasar dunha ferramenta estratéxica a unha ferramenta operativa, capaz de integrarse cos sistemas de simulación do estaleiro e reaccionar ante calquera incidencia”, sinala Becerra desde o CITIC. Esta liña de desenvolvemento encaixa co labor que o centro realiza en ámbitos como os xemelgos dixitais, a simulación avanzada ou a intelixencia artificial aplicada á industria.

Aposta pola colaboración e a transferencia tecnolóxica

Este avance é froito da colaboración interdisciplinar entre o CITIC e o CITENI, dentro do ecosistema da Universidade da Coruña, e en conexión co Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI). A ferramenta desenvolvida representa un paso importante na transferencia de coñecemento ás industrias estratéxicas do país, reforzando a aposta do CITIC pola aplicación práctica das TIC en sectores de alto valor engadido.

 

Referencia científica

Pernas-Álvarez, J., Becerra, J. A., & Crespo-Pereira, D. (2025). A constraint programming-based decomposition strategy for the block assembly scheduling problem in shipbuilding. International Journal of Production Research, 1–20.
https://doi.org/10.1080/00207543.2025.2503465