O CITIC no CEMAPRE de Lisboa, co investigador Carlos Vázquez Cendón como membro do seu Consello Asesor Externo
O investigador do CITIC, Carlos Vázquez Cendón, catedrático da Universidade da Coruña, foi nomeado recentemente membro do Consello Asesor Externo do Centro de Matemática Aplicada á Previsión e Decisión Económica (CEMAPRE), un prestixioso centro de investigación en matemática aplicada con sede no ISEG (Instituto Superior de Economía e Gestao – Lisbon School of Economics and Finance) da Universidade de Lisboa. Este consello está composto por catro destacados expertos internacionais.
Neste contexto, dos pasados 14 ao 16 de novembro, Vázquez Cendón realizou unha visita oficial ao CEMAPRE para coñecer as súas actividades, reunirse cos seus órganos de goberno e investigadores, asesorar en diferentes áreas estratéxicas e explorar posibles liñas de colaboración entre ambas as institucións. Ademais, impartiu un seminario de investigación titulado “Total value adjustments for counterparty risk in multicurrency setting”,
un traballo desenvolvido en colaboración cos investigadores do CITIC Íñigo Arregui e Roberta Simonella. Este aborda os axustes de valor debido ao risco de contrapartida en contratos de derivados con múltiples moedas. Esta investigación forma parte do Doutorado Industrial Europeo ABC-EU-XVA, financiado pola convocatoria MSCA do programa H2020.
O CEMAPRE
O CEMAPRE, fundado en 1984, é un centro interdisciplinario e multidisciplinar que aplica a matemática a ámbitos como a economía, as finanzas e a xestión. Conta con áreas clave como análise matemática e finanzas cuantitativas, econometría, estatística e ciencias actuariais, e investigación operativa, destacando polo seu enfoque único na investigación portuguesa.
Carlos Vázquez Cendón actuará principalmente como asesor da área de análise matemática e finanzas cuantitativas, aportando a súa ampla experiencia en modelización matemática, análise e métodos numéricos no eido das finanzas cuantitativas.
Para máis información sobre o CEMAPRE: cemapre.iseg.ulisboa.pt.
Foto: Alexandra Moura, membro do Managing Board do CEMAPRE; Carlos Vázquez Cendón, investigador do CITIC e catedrático da UDC; Manuel Guerra, presidente do CEMAPRE; e Joao Janela, tesoureiro do mesmo centro.