O CITIC obtén financiamento das convocatorias Conecta Hubs e Innova Peme da GAIN
17/12/2021 – CITIC
O pasado mes de outubro a Axencia Galega de Innovación (GAIN) resolveu as súas convocatorias Conecta Hubs e Innova Peme, destinadas a impulsar o crecemento e a competitividade de empresas e axentes do sistema galego de I+D+i.
Respecto a a convocatoria Conecta Hubs, está orientada a proxectos colaborativos aliñados coas áreas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital considerados como estratéxicos (DIHGIGAL e DATAlife), que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia. Dos 47 proxectos presentados obtiveron financiamento 11, dos cales 3 contan coa participación do CITIC. Os proxectos seleccionados foron “Smart lean platform 4.0 for people”, no que participan a investigadora Bertha Guijarro Berdiñas e o investigador Óscar Fontenla Romero; “Communications for process optimization in real time”, coa participación dos investigadores Carlos Vázquez Regueiro e Juan Touriño Domíguez; e “Sistema analítico do rendemento agregado de traballadores e robots nas operacións de fabricación”, no que participa o investigador Carlos Vázquez Regueiro.
En canto á convocatoria InnovaPeme, resolta tamén en outubro, está destinada ao financiamento do custo de actividades integradas en plans de innovación que lles permitan sistematizar os procesos de innovación da empresa e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Nesta ocasión, obtiveron financiamento dúas propostas nas que participa o CITIC en colaboración con pemes galegas. As propostas seleccionadas foron “Plan de innovación de mellora de procesos de biostatech”, cuxo investigador principal é Guillermo López Taboada, e “Envita, story voice assistant”, con Javier Pereira e Betania Groba como investigadores principais.