CITIC

O CITIC participa na Feira Open Science Cambre 2024

23/09/2024 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña participou esta pasada fin de semana na sétima edición da Feira de Ciencia Open Science Cambre 2024. O evento, coorganizado polo Concello de Cambre e a Asociación Xuvenil XentD100, reuniu a 500 estudantes de centros educativos de España, Portugal, Turquía e México, que expuxeron 90 proxectos científicos.  

O domingo 22 de setembro, o CITIC contou cunha xaima do proxecto “Talentos Inclusivos”, programa referente a nivel estatal centrado no desenvolvemento de tecnoloxías accesibles. Durante a xornada, expuxéronse diversas actividades interactivas relacionadas co uso da tecnoloxía para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade.  Así se presentou un dispositivo desenvolvido para facilitar a pintura a persoas con mobilidade reducida; actividades de realidade virtual deseñadas para traballar habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual, a cargo de Iago Fernández Garrido e unha adaptación de controis para videoxogos da Nintendo Switch con Paula de Santos á fronte da iniciativa.  Tamén se mostraron xogos personalizados para persoas con discapacidade como “Compra con-migo”, deseñado para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na contorna cotiá.  

Así mesmo, a project manager de Talentos Inclusivos, Irene Brage Vázquez, formou parte do xurado encargado de avaliar as xaimas e seleccionar os proxectos gañadores entre os 90 presentados.  

A Feira Open Science Cambre é unha excelente oportunidade para que o público coñeza proxectos científicos innovadores e participe en actividades como talleres, espectáculos e demostracións de drons, entre outras. O evento desenvolveuse en distintos puntos do municipio de Cambre, incluíndo o Parque da Igrexa, o Campo da Feira e o pavillón Sofía Toro.   

O CITIC reafirma o seu compromiso coa ciencia inclusiva e a divulgación tecnolóxica, promovendo a participación e o talento de mozos investigadores en eventos como a Open Science Cambre 2024.