CITIC

O CITIC participa na inauguración da Cidade das TIC

20/10/2023 - CITIC

O venres 20 de outubro tivo lugar a inauguración da Cidade das TIC coa apertura do edificio do Centro de Servizos Avanzados (CSA). Este proxecto, xunto coa elección de Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) farán da cidade un referente no ámbito tecnolóxico, servindo como punto de encontro entre empresas e a Universidade da Coruña (UDC).

O Centro de Servizos Avanzados (CSA) será o primeiro edificio en entrar en funcionamento na Cidade das TIC. Este espazo dedicarase a prototipos, demostracións e lanzamentos de proxectos, así como encontros entre empresas do sector. Supoñerá a habilitación de 2.600 m2 que estarán dispoñibles para o aloxamento de empresas TIC.

A inauguración iniciouse ás 9:30 h. cunha visita libre polas instalacións, seguida unha hora despois por un percorrido guiado para as diferentes autoridades convidadas. Posteriormente impartiuse un discurso no que interviñeron, por esta orde, o presidente da agrupación industrial Antonio Rodríguez do Corral, o reitor Julio Abalde, o presidente da Deputación Valentín González Formoso, a alcaldesa Inés Rey, o delegado do Goberno Pedro Blanco e o presidente da Xunta Alfonso Rueda.

O evento finalizou cunha xornada sobre Intelixencia artificial (IA) e Big Data que incluíu unha charla moderada por Rodríguez do Corral cos directivos de Denodo, Alberto Plan e Daniel Lende; un relatorio sobre novas estratexias de formación para o sector TIC a cargo de Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Colocación da Xunta; e tres intervencións a cargo de David Pereira, líder de datos e intelixencia na compañía NTT Data para Europa, Oriente Medio e África, Ravin Dhalani, de MasMovil, e Chema Alonso, de Telefónica.

O futuro edificio do CITIC

O CITIC contará cun centro de I+D+i denominado CITIC IA na Cidade das TIC. Este supoñerá unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados, contemplando a posibilidade de crecemento ao dobre de superficie. As instalacións terán espazo para a dirección, unha zona administrativa e varios despachos; ademais, preténdese incluír no plan grandes laboratorios, salas de reunións, showroom e unha ampla sala de xuntas.