O CITIC participa na Maker Faire Galicia con diversas iniciativas e obtén un premio na xornada de industria
Entre os días 1 e 4 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela unha nova edición desta feira internacional de inventores de ámbitos tan diversos como a arte, os videoxogos, a intelixencia artificial ou a biotecnoloxía, e que pretende poñer en valor a parte máis lúdica da innovación.
O CITIC é unha das entidades que apoia esta iniciativa e contouse coa presenza de persoal investigador do centro durante todas as xornadas da feira. O xoves desenvolveuse a xornada da industria, cunha presentación de Amparo Alonso sobre dilemas éticos da Intelixencia Artificial. Ademais, o CITIC estivo presente nunha caseta expositora co proxecto “Emprego de contornas virtuais para o traballo de habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e persoas con diversidade funcional”, desenvolto polo investigador Manuel Lagos. Este proxecto tamén foi presentado durante a xornada, obtendo o terceiro premio dos proxectos presentados na categoría de industria.
O venres, dedicado á xornada educativa, o CITIC estivo presente co proxecto Talentos inclusivos, mostrando algunhas das solucións desenvolvidas polo estudantado dos centros de educación secundaria aos retos tecnolóxicos expostos por ASPACE Coruña.
Ademais, durante toda a Maker Faire celebrouse a segunda edición dun Hackaton de tecnoloxías inclusivas, que pretendían responder a necesidades expostas por usuarios de COGAMI, a ONCE, e ASPACE Coruña. A fin de semana varios grupos estiveron a traballar en solucións tecnolóxicas e presentaron os seus proxectos o domingo pola tarde, baixo a atención do xurado formado por representantes destas entidades e do CITIC. A entrega do premio ao proxecto SENSUWalk, unha APP para mobilidade urbana de persoas con sordoceguera, foi realizada por Thais Pousada, con varios obsequios promovidos polo propio centro de investigación.