O CITIC participa na posta en marcha da plataforma robótica LOLA
06/07/2022 – CITIC
A pasada semana un grupo de investigadores/as da Universidade de Alcalá visitou o CITIC para poñer en marcha a plataforma robótica LOLA, un robot de baixo custo con intelixencia artificial que foi entregado a ASPACE Coruña para proporcionar asistencia a persoas con parálise cerebral. Esta plataforma desenvolveuse no marco do proxecto AIR4DP (Artificial Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled People), no que colabora o CITIC xunto co grupo GRAM da Universidade de Alcalá e o grupo TAIS da Universidade de Sevilla.
Nesta visita, o persoal investigador do grupo GRAM entregou o robot asistencial LOLA a ASPACE Coruña e ofreceu unha formación sobre a súa utilización tanto ao equipo de profesionais de ASPACE como ao do CITIC. Ademais, xunto co investigador Manuel Lagos, coñeceron as instalacións do CITIC e visitaron o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron varios proxectos de investigación desenvolvidos no centro.
Durante esta semana darán comezo as sesións de intervención con LOLA cun grupo de usuarios/as de ASPACE Coruña, e o CITIC encargarase da avaliación da plataforma robótica como tecnoloxía de apoio na vida de persoas con diversidade funcional.
AIR4DP presenta un proxecto multidisciplinar e investigación transfronteiriza, onde o principal obxectivo consiste no desenvolvemento de solucións robóticas novas baseadas en IA e visión artificial con capacidades avanzadas de mobilidade e de interacción humano-robot, para mellorar a independencia e estimulación de persoas con discapacidade. O proxecto está dividido en tres subproxectos, un dos cales é MATCH, que ten o fin de obter a mellor evidencia sobre o impacto da tecnoloxía asistencial baseada en IA na vida das persoas con diversidade funcional, no cal está implicado o CITIC.