CITIC
padrino tecnologico

O CITIC participa na Xornada anual "Padriño Tecnolóxico" organizada pola Universidade de Alcalá

22/12/2022 – CITIC

O pasado 24 de novembro tivo lugar a xornada “Padriño Tecnolóxico“, promovida polo proxecto do mesmo nome e pola Universidade de Alcalá (UAH), e na que se presentaron os principais proxectos de innovación tecnolóxica cara ás persoas con discapacidade.

Na xornada, a investigadora do CITIC Thais Pousada presentou as características do proxecto Talentos Inclusivos, liderado polo CITIC da Universidade da Coruña en colaboración con ASPACE Coruña, e no que participan diferentes centros, estudantes e docentes de educación secundaria da provincia da Coruña. Déronse a coñecer os principais retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE e as solucións ideadas e creadas polos estudantes de secundaria. Durante a visita á exposición, na que se mostraron algunhas destas solucións, os asistentes á xornada puideron conversar coa investigadora e manifestaron o seu interese no proxecto e en poder formalizar colaboracións cos centros e entidades da comunidade de Madrid.

Na xornada tamén se presentou unha plataforma robótica, desenvolta pola UAH e que contou coa colaboración do CITIC para o testeo desta tecnoloxía de apoio cos profesionais e persoas usuarias de ASPACE Coruña, ofrecendo asesoramento técnico para a optimización das funcionalidades e aplicabilidade da mesma. A plataforma foi desenvolta no marco do proxecto coordinado e financiado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, co título “Artificial Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled People (AIR4DP)” (ref: PID2019-104323RB).