CITIC
Día da Ciencia na Rúa_Carpa CITIC_web (1)

O CITIC participa no Día da Ciencia na Rúa da Coruña

04/05/2022 – CITIC

O CITIC participará cunha caseta propia no Día da Ciencia na Rúa, que se celebrará o vindeiro 7 de maio no Parque de Santa Margarita da Coruña. O CITIC foi convidado a formar parte deste evento, promovido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, para mostrar diferentes proxectos de investigación levados a cabo no centro, así como os desenvolvementos en torno ao proxecto Talentos Inclusivos, que promove solucións tecnolóxicas para persoas con diversidade funcional.

A piques de finalizar a súa segunda edición, Talentos Inclusivos está posto en marcha polo CITIC e ASPACE Coruña e conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta e o Concello dá Coruña. No Día da Ciencia na Rúa, as persoas visitantes poderán coñecer algúns dos produtos de apoio desenvolvidos na primeira edición do proxecto por parte de estudantes de secundaria para mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral.

O Día da Ciencia na Rúa vén celebrándose desde hai 25 anos e reúne en cada a edición a ducias de centros educativos e milleiros de persoas no Parque de Santa Margarita. Nesta edición haberá un total de 44 carpas de centros educativos, centros universitarios e entidades científicas da provincia.

A carpa do CITIC, que será a nº 1, estará organizada en dúas zonas: mostra de proxectos e Talentos Inclusivos.

Mostra de proxectos

  • 11:00 h a 14:30 h – Aplicacións do magnetismo e da electricidade. Adriana Dapena e Paula Castro, investigadoras do CITIC.
  • 14:30 h a 15:30 h – Pausa
  • 15:30 h a 17:00 h – Realidade virtual para a sociedade. Manuel Lagos, investigador do CITIC.
  • 17:00 h a 18:00 h – COVIDBENS: ciencia de datos na cuantificación do ARN do virus SARS-COV-2 nas augas residuais. Susana Ladra e Ricardo Cao, investigadores do CITIC, e Margarita Poza, investigadora do INIBIC.
  • 17:00 h a 19:00 h – Detector de estrés. Nelly Condori, investigadora do CITIC.

Talentos Inclusivos

  • 11:00 h a 14:30 h – Tecnoloxía para a discapacidade. Patricia Concheiro, investigadora do CITIC.
  • 14:30 h a 15:30 h – Pausa
  • 16:00 h a 19:00 h – Produtos de apoio desenvolvidos na 1ª edición de Talentos Inclusivos.