O CITIC participa no evento “14 empresas galegas buscan proxectos para cubrir as súas necesidades en tecnoloxías dixitais”
29/06/2021 – CITIC
14 empresas galegas buscarán cubrir as súas necesidades en tecnoloxías dixitais o próximo 1 de xullo no evento promovido por Cologistics Business Accelerator (CBA), que contará coa participación do CITIC.
O obxectivo deste evento é acelerar proxectos de emprendemento que acheguen solucións innovadoras aos retos expostos relacionados coa función loxística e de cadea de subministración das empresas tractoras que forman parte de CBA. No encontro participará o responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC, Manuel Bustabad, xunto co director científico do CiTIUS, Senén Barro, e a subdirectora da oficina Galicia Emprende do Igape, Fany Suárez.
CBA é unha aceleradora de empresas estruturada en dúas convocatorias, unha en Galicia e outra en Norte de Portugal. Os proxectos que opten a participar na aceleradora poderán presentar a súa candidatura en calquera das dúas convocatorias independentemente da súa orixe, Galicia ou Norte de Portugal. Con esta iniciativa impulsada por socios de Galicia e do Norte de Portugal preténdese acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado.