CITIC
Prácticas Espazo Compartido

O CITIC recibe a dous alumnos para realizar prácticas no marco do programa Espazo Compartido

02/06/2022 – CITIC

O pasado xoves 26 de maio incorporáronse ao CITIC dous alumnos do programa Espazo Compartido para a realización das súas prácticas durante catro semanas. Espazo Compartido é un programa da Universidade da Coruña para a formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, que busca a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mozos e mozas con discapacidade cognitiva.

Baixo a titoría do investigador Manuel Lagos, Fernando Ramón López Larriba está a realizar as súas prácticas no desenvolvemento de videoxogos con Unity, desde o deseño á programación en 2D e 3D. Ademais, tamén está guionizando o seu propio videoxogo.

Por outra banda, José Álvarez Vizoso integrouse na área de Sistemas, titorizado por Alejandro Mosteiro e Adrián Xuíz. O alumno ten entre as súas tarefas a instalación dun sistema operativo, o traballo cun sistema de colectores e a preparación de servidores dentro do Centro de Procesado de Datos (CPD).

O programa Espazo Compartido está dirixido pola investigadora Thais Pousada e nace co obxectivo de abrir o espazo universitario a colectivos que non poden acceder ás canles de formación ordinarios debido ás importantes barreiras de acceso do noso sistema educativo, reivindicando o dereito a unha formación digna e en igualdade de condicións.