CITIC

O CITIC recibe a doutorandos e posdoutorandos da alianza EMERGE no marco das xornadas internacionais na UDCv>

18/09/2025 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña recibiu a visita dunha vintena de doutorandos e posdoutorandos procedentes das nove universidades europeas que forman parte da alianza EMERGE.

A actividade enmárcase no programa das xornadas EMERGE – Transversal Skills Training for PhDs and Postdocs BIP: “A guideline for an impactful research career”, que se celebran esta semana no Campus de Elviña, organizadas pola UDC como institución anfitrioa.

Os participantes percorreron algunhas das instalacións máis representativas do CITIC: a Sala Demostrador, os laboratorios de robótica, as experiencias de realidade virtual, o Centro de Procesado de Datos e o laboratorio de impresión 3D. Ao longo da visita puideron coñecer de preto as capacidades científicas e tecnolóxicas do centro, así como as liñas de investigación que o sitúan como referente no ámbito das TIC.

Con esta iniciativa, o CITIC reforza o seu compromiso coa formación transversal de novos investigadores e coa proxección internacional da súa actividade, contribuíndo a fomentar unha carreira investigadora con impacto nun contorno de cooperación europea.