O CITIC recibe a emprendedores do programa NodeHub para explorar a colaboración en proxectos tecnolóxicos
- Javier Garrido, responsable de Transferencia do centro, recibe a un grupo de emprendedores en colaboración coa Rede de Centros
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) recibiu este martes 17 de setembro a un grupo de emprendedores nunha reunión promovida pola Rede de Centros e Unidades I+D+i da UDC (REDCIDI). O encontro, liderado por Javier Garrido, responsable de Transferencia do CITIC, ten como obxectivo explorar as formas en que o CITIC pode apoiar e colaborar con estes emprendedores no desenvolvemento dos seus proxectos tecnolóxicos e empresariais.
Durante a xornada, ademais da reunión de traballo, os emprendedores realizaron unha visita ás instalacións do CITIC, onde puideron coñecer de primeira man a infraestrutura tecnolóxica e os recursos dispoñibles que poden impulsar o crecemento das súas ideas de negocio.
Á reunión de traballo asistiron tamén Lorena Alonso Alconada e Diego Cabaleiro Martínez, en representación da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), e Emilio Corral, membro da REDCIDI, quen destacou a importancia da cooperación entre institucións e emprendedores para fomentar a innovación e o desenvolvemento económico.
Entre os proxectos presentados polos emprendedores, destacan iniciativas innovadoras en ámbitos diversos como a educación, a saúde, IA ou a atención a persoas maiores. Unha plataforma de formación de inglés orientada a profesionais, un proxecto de contos máxicos interactivos, un sistema de aprovisionamento de mercadoría para buques, o deseño dunha aplicación móbil para abordar a deterioración cognitiva a través da etnobotánica ou unha plataforma para crear camisetas interactivas son algunhas das iniciativas presentadas.
Estes proxectos forman parte do programa NodeHub da aceleradora Startups.st, que busca impulsar ideas empresariais cun alto compoñente tecnolóxico e dixital. O CITIC, como referente en investigación e desenvolvemento no ámbito TIC, posiciónase como un socio estratéxico para estes emprendedores, ofrecéndolles a súa experiencia en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.
Esta reunión representa un paso importante para fortalecer o ecosistema emprendedor e potenciar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre o ámbito académico e o empresarial.