O CITIC recibe a unha delegación de Huawei para avaliar vías de colaboración conxunta
- O encontro dá continuidade a anteriores reunións de traballo coa compañía tecnolóxica para estudar potenciais liñas de cooperación.
A Coruña, 22 de maio de 2024.- Unha delegación da empresa Huawei visitou a Universidade da Coruña para levar a cabo un encontro de traballo no que analizar vías de colaboración conxunta, centrándose na análise de datos e no desenvolvemento sostible.
A visita comezou no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, onde foron recibidos polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Tras isto, a delegación de Huawei trasladouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). Alí mantiveron un encontro con Javier Pereira, subdirector do CITIC; Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación, e Cristina Villar e Marta Trueba, da área de Proxectos Internacionais do centro. Pola parte investigadora do CITIC, á reunión acudiron Amparo Alonso e Luis Castedo.
No CITIC celebráronse diversas reunións técnicas ao longo de toda a mañá, vinculadas a posibles alianzas no ámbito da aplicación de técnicas de manexo e transferencia de grandes masas de datos en distintos sectores produtivos, e da repercusión da xestión de datos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ó finalizar a reunión, fixeron un percorrido polas instalacións do CITIC.