09/06/2022 – CITIC
Este xoves 9 de xuño, o CITIC, o CICA e o CITEEC recibimos a visita de alumnado de 5º de primaria do CEIP Juan Fernández Latorre como premio da iniciativa “Atrévete a pescudar con elas!”, organizada pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña.
Preto de 50 nenas e nenos, acompañados por tres profesoras, visitaron os tres centros de investigación da UDC. No CITIC, acudiron ao Demostrador Tecnolóxico para coñecer proxectos de robótica e probar contornas de realidade virtual desenvolvidas por persoal investigador do centro. Pola súa banda, o CICA ofreceu talleres para dar a coñecer a súa actividade investigadora, e no CITEEC o alumnado realizou unha visita polas instalacións e laboratorios.
“Atrévete a pescudar con elas!” é unha iniciativa na que investigadoras da UDC mostran a súa traxectoria científica e vital, logros profesionais e anécdotas coa finalidade de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica. Thais Pousada é unha das investigadoras que participaron no vídeo dirixido a escolares de educación primaria, que se pode consultar nesta ligazón.