O CITIC recibiu hoxe o 11o Premio FEGADACE-Miguel Blanco no transcurso da II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral que tivo lugar na Cidade da Cultura
O CITIC da Universidade da Coruña recibiu este xoves o 11o premio Miguel Blanco da Federación Galega de Dano Cerebral polo seu compromiso cos dereitos e a inclusión social, así como ao exercicio dunha vida plena e autónoma por parte do colectivo con dano cerebral adquirido. No acto de entrega do recoñecemento, que tivo lugar na Cidade da Cultura no marco a II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral, estiveron por parte do CITIC, o seu director, Manuel F. González Penedo, e os investigadores Thais Pousada García e Manuel Lagos Rodríguez.
“É unha gran honra recibir este recoñecemento polo noso compromiso cos dereitos e a inclusión social. Este premio impúlsanos a seguir traballando no noso labor de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que melloren a calidade de vida das persoas con dano cerebral.
O noso obxectivo é continuar xerando solucións innovadoras que lles permitan alcanzar una maior independencia e participación activa na sociedade. Quero agradecer á Federación e a asociacións que a integran a súa colaboración e aos investigadores do CITIC a súa dedicación e compromiso para acadar unha sociedade más xusta, igualitaria e accesible”, sinalou o Manuel F. González Penedo, ao recoller o premio.
Neste senso, o director destacou o traballo do CITIC “no fomento da inclusión no ámbito tecnolóxico e a mellora da calidade de vida de todas as persoas, a través de múltiples iniciativas como o programa Talentos Inclusivos, un proxecto desenvolvido polo CITIC da UDC, en colaboración con ASPACE, que ten como obxectivo espertar vocacións STEM entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver desafíos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral”.