CITIC
CEDI 20 21_

O CITIC recolle a testemuña do CEDI 2024

24/09/2021 – CITIC

O CITIC recolleu a testemuña no Congreso Español de Informática (CEDI) da organización da próxima edición, que se celebrará en 2024. O CEDI 20/21 tivo lugar en Málaga do 22 ao 24 de setembro, coordinado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE). No acto de clausura do evento, os investigadores Nieves Rodríguez Brisaboa e Miguel Rodríguez Luaces representaron ao comité organizador da edición coruñesa, composto por persoal investigador do CITIC, para presentar a VII edición e emprazar a participar ás persoas asistentes, máis dun milleiro en modalidade presencial e online. Tamén se proxectou un vídeo realizado polo Concello da Coruña, que colabora no congreso, no que se exhibiu a cidade e as posibilidades que ofrece para acoller o evento.

A organización do CEDI 2024 articularase a través do CITIC, comandada por persoal do centro de destacada traxectoria: Amparo Alonso, Bertha Guijarro Berdiñas, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez, Nieves Rodríguez Brisaboa e Miguel Rodríguez Luaces, e reforzada polo apoio do director do CITIC, Manuel F. González Penedo, a directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, e o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Cabrero. O congreso contará coa colaboración do Concello da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

Por outra banda, no CEDI 20/21, diferentes investigadoras e investigadores do CITIC presentaron os seus traballos no campo da informática. Os traballos expostos foron:

  • Eva Blanco Mallo: Nuevas aproximaciones de aprendizaje por transferencia en sistemas de recomendación
  • Jorge González Domínguez: Aprender programación de arquitecturas heterogéneas usando CUDA
  • Pablo Gutiérrez Asorey: Utilización de estructuras compactas para la generalización cartográfica de información geográfica vectorial
  • Marcos Horro Varela: Toolkit para (micro-)benchmarking y análisis de características de rendimiento en kernels
  • Íñigo Luis López-Riobóo Botana: Presentación de recomendaciones en TripAdvisor usando Deep Learning
  • Laura Morán Fernández: Simple but not simplistic: reducing the complexity of Machine Learning methods
  • David Novoa Paradela: Caracterización de conjuntos de puntos mediante cierres no convexos subdivisibles
  • Delfina Ramos Vidal: Re-ingeniería y modernización de la Biblioteca Virtual Galega y Bringing SPARQL to compact data structures
  • Nieves Rodríguez Brisaboa: An index for moving objects with constant-time access to their compressed trajectories
  • Miguel Rodríguez Luaces: Herramienta para la visualización de la movilidad durante la pandemia
  • Diego Teijeiro Paredes: Concentración parcelaria mediante intercambio de parcelas empleando un algoritmo genético distribuido basado en Spark
  • Tirso Varela Rodeiro: Semantrix: A Compressed Semantic Matrix

Ademais, cabe destacar que a empresa Torusware, creada polos investigadores do CITIC Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, foi patrocinadora ouro do CEDI 20/21, que se erixe como un multicongreso que ten o obxectivo de xerar un marco de encontro de referencia a nivel nacional para profesionais da investigación, desenvolvemento, innovación e ensino universitario do ámbito da enxeñería informática.