![](https://citic.udc.es/wp-content/uploads/2025/02/Acto-centros-red-cigus-1024x672.jpeg)
O director do CITIC destaca o impacto da investigación tecnolóxica no benestar social no acto de recoñecemento ós centros da Rede CIGUS
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025. O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC recibiu esta mañá o recoñecemento como centro de investigación de excelencia da Rede CIGUS nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura. A rede CIGUS é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia para fortalecer a investigación de excelencia universitaria na comunidade. Actualmente, dez centros das tres universidades galegas forman parte desta rede, entre eles, o CITIC.
Manuel G. Penedo, director do CITIC agradeceu este recoñecemento en nome de todo o equipo, tanto do persoal investigador como de xestión, subliñando a relevancia da investigación tecnolóxica para o progreso social e económico de Galicia.
Na súa intervención, González Penedo destacou que a labor do CITIC vai alén do desenvolvemento tecnolóxico, xa que contribúe directamente ao benestar social e á economía. “Traballamos na busca de solucións para retos globais como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética ou a xestión de emerxencias en situacións de catástrofe. Ademais, impulsamos proxectos no ámbito da inclusión social, facilitando o acceso global á información e reducindo a fenda dixital”, explicou.
O director do CITIC destacou ademais o compromiso do centro coa excelencia investigadora e coa colaboración con outras entidades de referencia en Galicia. Neste sentido, apelou á necesidade de que as institucións públicas continúen apoiando e visibilizando o traballo dos centros de investigación, xa que a súa contribución é clave para consolidar un ecosistema de innovación sólido e competitivo.
González Penedo fixo balance do camiño percorrido polo CITIC desde 2016, cando, xunto con outros centros de investigación, emprendeu unha traxectoria que representaba un desafío. “Foi un percorrido complexo, pero grazas ao esforzo constante e á colaboración de todos e todas, logramos sentar as bases para impulsar o desenvolvemento científico na vangarda do coñecemento”, afirmou.
Finalmente, quixo poñer en valor o esforzo do persoal investigador e de xestión do CITIC. “Nada disto sería posible sen o compromiso do noso equipo e o apoio da Universidade da Coruña”, concluíu.