O ETAMM 2024 congrega a máis de 50 especialistas internacionais de matemática aplicada
- O congreso de matemática aplicada, que se celebrará ata o venres 24 de maio, conta coa colaboración e patrocinio do CITIC.
A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña acolleu hoxe a apertura da conferencia internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics (ETAMM 2024), que se celebrará ata o próximo 24 de maio.
Trátase dunha das principais citas de referencia no eido da matemática aplicada que, no seu programa, inclúe charlas de temas de especial interese, como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e contou coa asistencia de Diana Sobral Cabanas, concelleira de Turismo, Comercio, Mercados, Hostalaría e Relacións Institucionais do Concello da Coruña; Rosa María Crujeiras Casais, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Manuel Romero Gómez, director da ETS de Náutica e Máquinas da UDC; e Ángel Daniel Arós Rodríguez, presidente do comité organizador do congreso e docente da Área de Matemática Aplicada.
As investigadoras do CITIC da UDC María del Carmen Calvo Garrido e María A. Baamonde Seoane forman parte do comité organizador; e Carlos Vázquez Cendón, do comité científico. Participan, ademais, como relatores os investigadores do centro: Íñigo Arregui, María González Taboada, Joanatan Ráfales e a propia María A. Baamonde.
O seu principal obxectivo é identificar novas tendencias nos dominios da matemática aplicada e da mecánica, e as súas traslacións á Física, Ciencias da Enxeñaría, Bioloxía e Economía. O congreso, que reúne a matemáticos, científicos interdisciplinares e enxeñeiros de todo o mundo, busca proporcionar unha oportunidade para a difusión de resultados importantes e recentes a través de conferencias de invitados de primeiro nivel internacional, simposios especializados e charlas independentes.