O fotómetro FreeDSM do CITIC da UDC, un dispositivo que permite medir a contaminación lumínica de maneira accesible e precisa
- Un artigo publicado na revista Nature Reviews Earth & Environment (DOI: 10.1038/s43017-024-00580-8) presenta o fotómetro FreeDSM, un dispositivo accesible e de baixo custo desenvolto polo CITIC e a Universidade de Barcelona para medir a contaminación lumínica.
- Este dispositivo permite comparacións precisas dos niveles de luz nocturna e estase empregando en observatorios e plataformas científicas a nivel mundial.
A Coruña, 14 de agosto de 2024.- O investigador predoutoral Mario Casado, do grupo de investigación do CITIC da Universidade da Coruña liderado por Carlos Dafonte, publicou un artigo de divulgación na revista Nature Reviews Earth & Environment. Este traballo, que forma parte da serie “Tools for Trade” da revista, está orientado a destacar desenvolvementos de instrumentación realizados por estudantes predoutorais. O artigo, dedicado ao fotómetro FreeDSM, presenta este dispositivo innovador que permite a medición precisa dos niveis de luz nocturna.
O fotómetro é o resultado dun proxecto de “Proba de Concepto MICINN” no que colabora a Universidade da Coruña xunto coa Universidade de Barcelona, enfocado no estudo e mitigación da contaminación lumínica.
O FreeDSM distínguese pola súa accesibilidade, xa que está deseñado para ser construído polos propios usuarios utilizando compoñentes de baixo custo e facilmente dispoñibles. O dispositivo utiliza o software Tasmota, unha plataforma de IoT de código aberto, o que facilita a súa implementación e personalización. Ademais, o FreeDSM permite comparar as medicións de luz nocturna cos niveis teóricos de luz natural baseados no modelo de ceo natural Gambons, desenvolto pola Universidade de Barcelona utilizando datos da misión espacial Gaia.
A accesibilidade e asequibilidade do FreeDSM permite unha vixilancia estendida da contaminación lumínica. Os datos detallados en tempo real sobre os niveis de luz artificial son esenciais para avaliar os impactos da luz nos ecosistemas. Por exemplo, o FreeDSM utilízase para monitorear a contaminación lumínica en plataformas de acuicultura preto de Vigo e en observatorios astronómicos en La Silla, en Chile, e en Montsec, en Cataluña. A vixilancia da contaminación lumínica co FreeDSM pode, por tanto, apoiar o uso sostible da iluminación artificial en contornas mariñas e terrestres, reducindo os seus impactos negativos nos ecosistemas naturais e na saúde humana.
O proxecto conta ademais co apoio da Fundación Slowlight, coa que existe un acordo para continuar o desenvolvemento do FreeDSM e expandir a súa aplicación na loita contra a contaminación lumínica.
Para máis información sobre este proxecto, pódese visitar o sitio web: https://gaia4sustainability.eu.