CITIC

O futuro da IA é verde

25/11/2025 - CITIC
  • Máis de duascentas persoas participan hoxe e mañá no CITIC da UDC no I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, impulsado pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes
  • O encontro busca divulgar a importancia de desenvolver e aplicar a intelixencia artificial desde unha perspectiva de sustentabilidade
  • Especialistas de distintos ámbitos abordarán diferentes enfoques, retos e casos de éxito para ofrecer unha visión completa desta tecnoloxía responsable

A Coruña, 25 de novembro de 2025.- Nun momento no que a IA promete optimizar desde redes enerxéticas ata sistemas agrícolas, esa mesma tecnoloxía impón un dilema: Como reconciliar o seu avance coa urxencia climática? A nova onda de «IA verde» non só busca ser intelixente, senón tamén sostible. Con esta premisa como punto de partida, comezou hoxe na Coruña o I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, unha iniciativa impulsada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que se celebra este martes e mércores, 25 e 26 de novembro de 2025, no CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS.

Máis de 200 persoas participan neste evento, que se desenvolve en modalidade híbrida, combinando sesións presenciais e acceso virtual para participantes remotos. Na xornada de hoxe, martes, participou a secretaria de Estado de Dixitalización e IA do Goberno de España, María González Veracruz; Javier Monteoliva Díaz, secretario xeral e do Consello de Administración de Inditex; xunto ao reitor da UDC, Ricardo Cao, o director do CITIC, Manuel G. Penedo e a propia directora da Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.

O simposio nace co obxectivo de crear un espazo de encontro entre comunidade investigadora, sector empresarial e institucións para abordar os desafíos actuais da intelixencia artificial desde unha perspectiva da sustentabilidade e o compromiso ambiental. Nun contexto no que o cambio climático afecta de maneira transversal ás sociedades, e no que a actividade computacional, incluíndo modelos de IA e centros de datos, representa xa unha fonte significativa de emisións de gases de efecto invernadoiro, a Cátedra aposta por un enfoque multidisciplinar e cooperativo.

A expansión da intelixencia artificial baséase en modelos cada vez máis potentes, pero tamén máis custosos en termos computacionais, opacos e intensivos en consumo enerxético. Ante a previsión de que a IA poida superar o 30% do consumo mundial de enerxía en 2030, gaña relevancia o enfoque de IA verde e responsable, que aposta por sistemas máis eficientes, con menor pegada de carbono, maior calidade e optimización dos datos, e unha transparencia que permita avaliar o seu impacto real.

Retos ambientais, sociais e éticos no seu desenvolvemento

Ao longo destas xornadas, o persoal experto abordará distintos retos, entre eles Amparo Alonso, investigadora do CITIC, quen falou sobre os desafíos medioambientais que implica a IA. Na súa intervención presentou dúas vías complementarias: o enfoque Green-In, centrado no deseño de modelos máis frugais e eficientes, e o enfoque Green-By, que analiza como a IA pode contribuír directamente á sustentabilidade social e ambiental. A través de modelos baseados en axentes, explorouse como a confianza cidadá, a comunicación institucional e a influencia social condicionan a aceptación de políticas públicas sostibles. “Esta visión integrada permite avanzar cara a unha IA verdadeiramente sostible: enerxeticamente eficiente, socialmente aceptable e orientada a xerar valor co mínimo impacto posible” sinalou a propia Amparo Alonso.

Por outra banda, a segunda intervención invitada do simposio foi a de Ricardo Vinuesa, profesor e investigador do Artificial Intelligence Group da University of Michigan, quen abordou o papel da intelixencia artificial no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Segundo a súa análise, a IA pode axudar a acadar 134 metas dos ODS, aínda que tamén pode dificultar 59 delas. Vinuesa destacou “a importancia de acompañar o rápido avance da IA con supervisión regulatoria e estándares éticos para asegurar que contribúa a un desenvolvemento sostible”.

Na sesión do mércores 26 intervirán Mar Santamaría Varas, arquitecta e cofundadora de 300.000 Km/s; e Jorge Castellanos Claramunt, profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia.

Premios para investigacións sobre IA e sustentabilidade

Tamén na xornada do mércores o simposio contará coa representación da Secretaría de Estado de Dixitalización e IA. David Gómez Cordero, xefe de área da Dirección Xeral, presentará o Programa Nacional de Algoritmos Verdes.

Ademais das intervencións de expertos e expertas, o encontro conta coas contribucións de investigadores e investigadoras, profesionais e estudantes interesados no potencial da IA para a sustentabilidade. Un total de 36 traballos presentáronse á convocatoria do simposio, 17 comunicacións e 19 pósteres, no que se recoñecerán os mellores presentados. Así, os participantes optan aos seguintes premios: Green-in, á mellor contribución sobre algoritmos enerxeticamente eficientes ou que reduzan a pegada de carbono da IA; Green-by, á mellor contribución que empregue a IA como ferramenta para a sustentabilidade ou para aplicacións con impacto positivo no medio ambiente, eficiencia enerxética ou planificación urbana; e Premio ás Implicacións Éticas, Sociais e Económicas, á mellor contribución que aborde de xeito crítico e rigoroso os aspectos éticos, sociais ou económicos vinculados aos algoritmos verdes. Estes recoñecementos entregarasen na sesión de clausura do simposio.

Sobre a Cátedra

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade. Entre os seus obxectivos salientan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica. Conta con financiamento público competitivo do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, destinando 900.000 euros a través das Axudas Cátedras ENIA, con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e tamén privado do Grupo Inditex. A cátedra susténtase na sólida traxectoria da UDC en IA, consolidada desde finais dos anos 80 e fortalecida coa creación do CITIC, e no compromiso de Inditex coa innovación e a sustentabilidade, destacando os seus obxectivos ambientais cara ás emisións netas cero en 2040.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, así como nunha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).