CITIC
edificio citic

O Goberno financia tres novos proxectos nos que participa o CITIC da UDC sobre intelixencia artificial para detección de bacterias, saúde laboral e vixilancia tecnolóxica

28/10/2022 – CITIC

  • Enmárcanse na convocatoria Red.es 2021 do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dirixida ao desenvolvemento de intelixencia artificial e a súa integración nas cadeas de valor
  • Os proxectos foron financiados con preto de 1,4 millóns de euros
  • As compañías Bahía Software, Ibersys Seguridade e Saúde e Linknovate Science promoven o tres proxectos nos que o CITIC actúa como socio tecnolóxico
  • Este novo fito reforza o posicionamento do CITIC e o seu liderado no ámbito da investigación aplicada en España

Tres proxectos nos que participa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña foron seleccionados pola entidade Red.es do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e financiados con preto de 1,4 millóns de euros. Algoritmos de predición de superbacterias en hospitais, prevención de enfermidades profesionais e métodos intelixentes de minería de textos para melloras en vixilancia tecnolóxica teñen como denominador común a aplicación da intelixencia artificial á optimización de procesos en diferentes ámbitos de impacto económico e social. As empresas Bahía Software, Ibersys Seguridade e Saúde e Linknovate Science decidiron contar co CITIC como socio tecnolóxico para participar no desenvolvemento dos proxectos. Do total dos fondos recibidos polas compañías a través desta convocatoria, repercutirán no centro de investigación preto de 300.000 euros. 

O proxecto GRALENIA, aborda o problema da resistencia a antimicrobianos (AMR) no ámbito hospitalario. O proxecto está impulsado pola compañía Bahía Software en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Universidade de Murcia e os investigadores principais do CITIC Jesús Vilares Ferro e Carlos Gómez Rodríguez, e cofinanciado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital de España, a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial de España, Red.es e polos Fondos Next Generation EU. O obxectivo do proxecto é desenvolver unha plataforma de apoio a decisións clínicas no ámbito da xestión do AMR e as superbacterias. Este sistema empregará técnicas avanzadas de intelixencia artificial para analizar a información obtida dos bancos de datos dos diversos servizos do hospital. No caso do CITIC, a achega consistirá na análise automática do contido de historias clínicas e outros documentos en formato texto, empregando para iso técnicas de procesamento da linguaxe natural. Este proxecto pretende mellorar os procesos de xestión hospitalaria relacionados co AMR, axudando a deseñar mellores estratexias para a prevención e minimización dos seus efectos, ademais do custo en vidas e económico que iso supón.

O proxecto SMART PRE2, centrado en IA aplicada á predición e prevención de enfermidades profesionais, corresponde á compañía Ibsersys Seguridade e Saúde e conta coa colaboración dun equipo de investigadores/as do CITIC liderado por José Luis Calvo Rolle e Óscar Fontenla Romero. O seu obxectivo xeneral é a detección de posibles alteracións de saúde entre os persoais das empresas mediante o tratamento dos datos dispoñibles no historial de recoñecementos médicos e outra información da contorna no que se desenvolve o traballo. Desde o CITIC implementaranse modelos de aprendizaxe automática para a análise dos datos médicos proporcionados pola empresa, e sistemas baseados en coñecemento para dotar de capacidade diagnóstica e explicativa ao sistema. Este tipo de técnicas proporcionarán un valor engadido para unha xestión máis eficiente e a detección de posibles anomalías para os distintos postos profesionais de diferentes empresas.

Por último, a compañía Linknovate Science, xunto co IP do centro Javier Parapar López, desenvolverán Métodos intelixentes de minería de textos para melloras substanciais de procura en Vixilancia Tecnolóxica. Dado o especial coñecemento no procesado e minería de textos, sistemas de recuperación e información e definición de modelos de categorización usando representacións densas de documentos, os investigadores participarán nas tarefas asociadas á clasificación automática de patentes e á extracción e estruturación intelixente de información. O equipo do CITIC non só traballará no relativo á definición de modelos formais para as tarefas, senón tamén no deseño das metodoloxías de avaliación e validación das solucións.

Red.es, motor da España Dixital 2025

A Convocatoria de axudas 2021 destinadas a proxectos de investigación e desenvolvemento en intelixencia artificial e outras tecnoloxías dixitais e a súa integración nas cadeas de valor, de Red.es -entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-, recibiu 1.185 solicitudes. Esta convocatoria forma parte das medidas do Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como da axenda España Dixital 2025 e da Estratexia Nacional de Intelixencia artificial.

O seu obxectivo é financiar proxectos de investigación industrial (50 millóns de euros) e de desenvolvemento experimental relacionados con tecnoloxías como intelixencia artificial, Internet das Cousas, tecnoloxías de procesamento masivo de datos e información, computación de alto rendemento e na nube, procesamento de linguaxe natural, ciberseguridade, biometría e identidade dixital, blockchain, robótica, realidade virtual e aumentada, efectos especiais e simulación, e impresión 3D e fabricación aditiva.