02/11/2022 – CITIC
O Grupo VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns) recibiu o pasado 26 de outubro o Premio RIES 22 á “Xeración de Coñecemento”. O investigador do CITIC Marcos Ortega recolleu o premio xunto con varios membros do grupo durante a Pre-Xornada do VII Fórum RIES 2022, celebrada en Santiago de Compostela.
Este galardón recoñece as investigacións desenvolvidas polo grupo para a mellora dos procesos diagnósticos e o tratamento dos pacientes mediante Intelixencia Artificial. Os Premios RIES son unha iniciativa do Clúster Saúde de Galicia (CSG) que teñen por obxectivo poñer en valor os proxectos innovadores do sector saúde e sociosanitario. Están enmarcados nas xornadas RIES (Retos Internacionais do Ecosistema Saúde), que este ano celebrou a súa sétima edición, sendo un foro internacional de referencia a nivel nacional e internacional para abordar os retos e oportunidade do ecosistema da saúde.