CITIC
Ricardo Cao medalla SEIO

O investigador do CITIC, Ricardo Cao, recolle en Madrid a Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa

19/01/2023 – CITIC

O investigador principal do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, vén de recoller a Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), que recoñece o labor dos socios que máis teñen contribuído “de forma relevante e continuada ao avance e á proxección da Estatística e da Investigación Operativa, no ámbito nacional e internacional, como disciplinas científicas”.  

O xurado do premio subliña unha aportación “sobresaliente en múltiples áreas da estatística como os métodos non paramétricos, os métodos de remostreo, a verosimilitude empírica, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais e a análise estatística de grandes conxuntos de datos e as súas aplicacións á xenómica, ás neurociencias, epidemioloxía, oncoloxía, etc., cun destacado recoñecemento internacional”.

Ao acto de entrega das medallas, acudiu o reitor da UDC, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o director do CITIC, Manuel González Penedo, e o investigador do CITIC e do grupo Modelización, Optimización e Inferencia Estatística, que coordina Ricardo Cao, Javier Tarrío Saavedra.

Ciencias da saúde e loita contra a COVID

Ademais recoñecen “o seu liderado na coordinación de grupos de investigación así como do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus do CEMAT, do que foi nomeado presidente, e a súa ampla experiencia na transferencia de coñecemento a outros ámbitos, como as ciencias da saúde ou a enxeñaría naval”.

A SEIO pon en valor o fomento por parte de Ricardo Cao dun amplo equipo de colaboradores internacionais, “sendo membro moi activo de varias sociedades científicas internacionais”. Foi presidente de ECAS (European Courses in Advanced Statistics) e é membro electo do prestixioso Institute of Mathematical Statistics (IMS), sendo así recoñecida mundialmente a súa contribución ao desenvolvemento da estatística. É un membro con gran actividade na SEIO, foi editor xefe de TEST e actualmente é editor asociado, e foi tamén editor xefe e editor asociado doutras revistas internacionais de recoñecido prestixio.

Matemático de proxección internacional

Ricardo Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991. Investigador principal e membro do Comité de Dirección do CITIC e coordinador do grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística da UDC, a súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMAT).