O investigador do CITIC Daniel Valcarce recibe o Premio Nacional Fin de Carreira outorgado polo Ministerio de Educación
11/09/2018
- Valcarce, enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña, é investigador da área de Ciencia de Datos e Información do CITIC.
- Trátase do único estudante da UDC en recibir o galardón.
A Coruña, 11 de setembro de 2018.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Daniel Valcarce, recibiu o Premio Nacional Fin de Carreira, concedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, que distinguen ao alumnado máis destacado da súa promoción.
Valcarce obtivo un premio de 2.650 euros, sendo o único estudante da UDC en conseguir a distinción. Cursou os estudos de Enxeñería Informática na Universidade da Coruña e actualmente é investigador da área de Ciencia de Datos e Información do CITIC. De feito, acaba de regresar dunha estancia de investigación en Google Múnich, arredor do ámbito da Recuperación de Información.
Na presente convocatoria, o Ministerio premiou aos estudantes que finalizaron os seus estudos no curso 2013-14, concedendo un total de 171 premios en cinco ramas diferentes: Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Artes e Humanidades.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.