
O investigador do CITIC Diego Andrade falará este xoves no MUNCYT sobre a computación cuántica como aliada para coidar o planeta
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña organiza o vindeiro xoves 19 de xuño ás 19:00 h a charla “Os cúbits salvarán o planeta: breves apuntamentos sobre a revolución da computación cuántica”, a cargo de Diego Andrade, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. A actividade, con entrada libre ata completar aforo, tamén poderá seguirse en directo no canal de YouTube da FECYT: https://www.youtube.com/FECYTciencia.
Na súa intervención, Andrade abordará un tema de máxima actualidade como a computación cuántica, unha tecnoloxía emerxente baseada nos cúbits, que pode contribuír a reducir o consumo enerxético na resolución de problemas complexos. Nun momento no que a intelixencia artificial, a predición meteorolóxica ou a analítica de datos consumen enormes cantidades de recursos, esta nova forma de computar abre portas a solucións máis eficientes e sostibles.
O relator tamén explicará en que se diferencian os cúbits dos bits tradicionais, e como esta tecnoloxía pode aplicarse a retos medioambientais concretos: simular novos materiais sostibles, mellorar a eficiencia enerxética ou optimizar redes de transporte, entre outros.
Diego Andrade é profesor titular da Universidade da Coruña e investigador do CITIC, centro no que lidera liñas de investigación relacionadas coa computación cuántica, a IA e a computación de altas prestacións. Cunha traxectoria consolidada, conta con máis de 40 publicacións científicas e participou en numerosos proxectos de ámbito estatal e europeo.
Esta actividade celébrase no marco do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, proclamado pola UNESCO, e coincide co mes no que se conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, pondo o foco no potencial da ciencia para avanzar cara á sustentabilidade.