O investigador do CITIC Esteban Jove fala sobre detección de anomalías baseadas en sensores virtuais na Universidade Complutense
Este luns, 18 de novembro, a Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid acolleu a conferencia titulada “Detección de Anomalías baseadas en Sensores Virtuais e Técnicas one-class”, impartida por Esteban Jove Pérez, investigador do Centro de Investigación CITIC da UDC.
Durante a conferencia, Esteban Jove presentou os seus últimos avances no campo da detección de anomalías, unha área crucial para garantir a operatividade de sistemas en sectores como a medicina, a industria e as telecomunicacións. Ao longo do seu relatorio, expuxo dous enfoques innovadores para abordar este desafío. O primeiro, o desenvolvemento de sensores virtuais, utiliza modelos híbridos intelixentes para detectar situacións anómalas en sistemas complexos. O segundo enfoque baséase en técnicas one-class, que permiten identificar anomalías a partir de patróns de comportamento esperados, destacando a súa relevancia na ciberseguridade e outros campos industriais.
O investigador do CITIC ofreceu unha análise comparativa de ambas estratexias, ilustrando as súas aplicacións en sistemas reais e resaltando a importancia destas tecnoloxías para o mantemento e a mellora de sistemas industriais e enerxéticos. A conferencia tamén serviu como plataforma para discutir como estas técnicas poden ser implementadas para mellorar a precisión e eficiencia na detección de fallos e ameazas.
Esteban Jove Pérez é investigador no CITIC, membro do grupo de investigación Ciencia e Técnica Cibernética da Universidade da Coruña. Tras obter o seu doutoramento na Universidade da Laguna en 2020, o seu traballo de investigación centrouse no desenvolvemento de sistemas intelixentes híbridos e técnicas avanzadas para a detección de anomalías.