
O investigador do CITIC Omar Álvarez, galardoado co premio PhD Award na conferencia EACWE 2025
O investigador Omar Álvarez, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, foi distinguido co PhD Award na 9ª edición da European-African Conference on Wind Engineering (EACWE 2025), celebrada recentemente en Trondheim, Noruega.
O premio foi concedido pola súa presentación titulada “Extreme compression of URANS flow data”, un traballo que forma parte da súa liña de investigación centrada en técnicas avanzadas de compresión e modelado de datos en enxeñería do vento. Esta contribución espertou un notable interese na comunidade científica polo seu enfoque innovador e a súa aplicabilidade en simulacións de dinámica de fluídos.
Ademais, esta presentación está relacionada co artigo científico “Signed distance function–biased flow importance sampling for implicit neural compression of flow fields”, que o investigador publicou recentemente na revista Computer‐Aided Civil and Infrastructure Engineering xunto a Miguel Cid Montoya, consolidando así a súa proxección internacional no ámbito da enxeñería computacional e a aprendizaxe automática aplicada.
Neste artigo proponse unha solución para xestionar de forma eficiente os grandes volumes de datos que se xeran nos procesos de simulación avanzada de dinámica de fluídos, que afecta especialmente a sectores como a enxeñería civil, aeroespacial ou automotriz.
Grazas a un método de mostraxe chamado BiFIS (Signed Distance Function-biased Flow Importance Sampling), unha técnica baseada en funcións de distancia con signo, lograron reducir drasticamente o tamaño dos arquivos sen que a precisión da información se vexa afectada. Utilizaron representacións neuronais implícitas, que permiten comprimir os datos en imaxes máis pequenas e fáciles de manexar.
Esta proposta facilita o almacenamento e a visualización en tempo real de simulacións complexas, ademais de mellorar a eficiencia dos modelos preditivos baseados en imaxes. O artigo está dispoñible aquí.