O investigador do CITIC Ricardo Cao foi nomeado membro do Institute of Mathematical Statistics
25/04/2022 – CITIC
O investigador do CITIC Ricardo Cao foi designado membro do Institute of Mathematical Statistics ( IMS), unha das distincións máis relevantes que pode obter un estatístico a nivel mundial polas súas achegas aos campos da estatística ou da probabilidade.
O nomeamento de Ricardo Cao, en palabras do comité de pares que concede a distinción, “recoñece as súas contribucións fundamentais á teoría e á práctica do bootstrap e da estimación non paramétrica de funcións, así como o seu distinguido servizo á comunidade estatística internacional”.
“A designación de Fellow do Institute of Mathematical Statistics que conceden expertos estatísticos internacionais constitúe unha gran honra”, valorou Ricardo Cao.
Desde a creación do IMS en 1935 só nove españois (catro xa falecidos) obtiveron este recoñecemento. Entre eles atópase outro galego, Wenceslao González Manteiga, catedrático de Estatística da USC.
O Institute of Mathematical Statistics é unha organización que fomenta o desenvolvemento e a difusión da teoría e as aplicacións da estatística e a probabilidade. Na actualidade, conta con 4.200 membros activos en todo o mundo e edita Annals of Mathematical Statistics, a publicación estatística máis influente do mundo.
O galardón será entregado o próximo 28 de xuño en Londres, durante o transcurso do Annual Meeting do IMS.