CITIC

O investigador Francisco Bellas presenta na UNESCO o informe “IA explicable no ámbito educativo”

10/09/2025 - CITIC
  • Os investigadores Francisco Bellas e Lidija Kralj expuxeron as conclusións do documento no marco do encontro internacional Digital Learning Week 2025, que tivo lugar a semana pasada na sede da UNESCO en París.

O investigador do CITIC da Universidade da Coruña Francisco Bellas presentou a semana pasada en París as conclusións do informe europeo Explainable AI in Education, no marco do encontro internacional Digital Learning Week 2025, organizado pola UNESCO.

O documento, publicado pola Oficina de Publicacións da Unión Europea e accesible en https://lnkd.in/dV2dYjUQ, aborda o potencial da intelixencia artificial explicable (XAI) no ámbito educativo e ofrece un conxunto de recomendacións para o seu desenvolvemento e implementación orientadas aos principais implicados: políticos, educadores e desenvolvedores. O seu obxectivo é garantir que a aplicación destas tecnoloxías se realice baixo principios de transparencia, ética e confianza, permitindo que profesorado e alumnado comprendan como funcionan os sistemas de IA que cada vez teñen maior presenza na educación.

Nunha sesión compartida coa investigadora Lidija Kralj, coautora do informe, Bellas destacou que “Crear unha IA transparente, xusta e centrada nas persoas para a educación significa crear sistemas que non só sexan tecnicamente fiables, senón tamén adecuados ao contexto, conformes coa lexislación e eficaces desde o punto de vista pedagóxico.”

O informe subliña que a falta de explicabilidade nos sistemas de intelixencia artificial pode limitar a súa adopción no ámbito educativo, xa que xera dúbidas sobre a validez dos resultados, os posibles sesgos e a protección dos dereitos do estudantado. Por iso, propón un marco de actuación que combine innovación tecnolóxica, formación do profesorado e criterios regulatorios claros.

Foro para analizar a IA e o futuro da educación

A Semana da Aprendizaxe Dixital 2025, celebrada do 2 ao 5 de setembro na sede da UNESCO en París, abordou os impactos da intelixencia artificial na educación, destacando tanto o seu potencial transformador como os dilemas que presenta. Baixo o lema “A IA e o futuro da educación: disrupcións, dilemas e direccións”, o encontro analizouse como a IA está a remodelar pedagoxías, currículos e formas de gobernanza, ao tempo que xera debates sobre equidade, ética, vixilancia dixital e responsabilidade humana na toma de decisións. O evento buscou orientar os sistemas educativos cara a unha integración da IA que sexa equitativa, ética e centrada nas persoas, co fin de asegurar que a tecnoloxía impulse un progreso inclusivo no ámbito educativo.