O investigador Raúl Santoveña recibe o premio da RAGC no Día da Ciencia en Galicia
09/10/2020 – CITIC
O investigador do CITIC Raúl Santoveña recibiu o Premio de Investigación 2020 na categoría de investigadores mozos, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O acto de entrega tivo lugar este xoves no Colexio de Fonseca no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia. O recoñecemento está dotado con 2.000 euros.
O traballo no que participou Santoveña, publicado na prestixiosa revista Nature Communications, versa sobre o descubrimento dun novo tipo de estrelas ricas en fósforo. Este achado podería axudar a explicar a orixe da vida na Terra relacionada coa presencia deste elemento químico na nosa galaxia. O descubrimento foi realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos investigadores do CITIC, xunto con investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
Presidiron o acto o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan M. Lema Rodicio, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Tamén asistiron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.
No evento foron entregadas as Medallas de Investigación da RAG a cinco científicos de prestixio en cinco áreas: José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da USC; Xosé Ramón Nóvoa, catedrático de Química da UVigo; Luis Miguel Botana, catedrático de Farmacoloxía da USC; Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC; e Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Ciencia Alimentaria da UVigo.
O Premio de Investigación, que este ano leva o nome de Ernesto Viéitez Cortizo, foi outorgado ao equipo liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC polo descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro ou as doenzas autoinmunes.
En canto ás mencións honoríficas, na categoría de investigadores sénior o recoñecemento recaeu no enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, Jesús Balado. Na modalidade de investigadores mozos, outorgóuselle a mención honorífica ao investigador do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares CiQUS, Esteban Suárez.