Antonio Bahamonde, membro do SAB do CITIC, recibe o Premio Nacional de Informática
03/06/2021 – CITIC
O xurado dos Premios de Investigación da SCIE e a Fundación BBVA, do que formou parte o noso investigador Ramón Doallo, outorgou o premio Nacional de Informática ao membro do Comité Asesor Externo (SAB) do CITIC Antonio Bahamonde Rionda, catedrático da Universidad de Oviedo. En concreto, recibiu o Premio José García Santesmases á traxectoria científica, polas súas excelentes contribucións á promoción e difusión da informática e a consolidación das sociedades científicas, a través da presidencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e da Sociedade Científica Informática de España. Tamén se tivo en conta a súa participación en órganos nacionais de xestión da investigación, como coordinador da área Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática da ANEP, así como a súa traxectoria científica en intelixencia artificial e a súa aplicación a distintos campos como a gandería, alimentación, sanidade e bioinformática.
Cabe destacar que na edición anterior a empresa Torusware, spin- off da UDC creada por investigadores do CITIC, foi galardoada co Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Premio Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España ( SCIE) e a Fundación BBVA.
En 2019, Nieves R. Brisaboa foi condecorada co Premio Nacional de Informática na categoría Premio Ángela Ruiz Robles.
En 2018, Ramón Doallo recibiu o premio na categoría Premio Aritmel, e nesa mesma edición, David Vilares foi galardoado co premio na modalidade Investigadores Mozos Informáticos.