CITIC

O papel da IA para mellorar a calidade asistencial, a debate no seminario de Radioloxía e Medicina Física no CITIC da UDC

19/04/2024 - CITIC
  • O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o XXXIX seminario da Asociación de Profesores de Radioloxía e Medicina Física (APURF), que contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. 
  • O CITIC da UDC está a desenvolver novos modelos de Intelixencia Artificial para crear prototipos de visualización en realidade virtual con datos médicos reais, predición ou prevención de determinados tipos de cancro, axilidade na toma de decisións ou a detección temperá para a mellora da atención médica. 

A Coruña, 19 de abril de 2024.- O CITIC da UDC acolle este venres a segunda xornada do XXXIX seminario da Asociación de Profesores de Radioloxía e Medicina Física (APURF), que reúne arredor de 30 docentes para tratar temas relacionados coa radioloxía, radioterapia, a medicina nuclear e a física médica. No acto de apertura deste evento, no que participaron o novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez; o reitor da UDC, Ricardo Cao; o director do CITIC, Manuel Penedo; o presidente da APURF, Francisco Sendra; e o organizador local da edición deste ano e subdirector do CITIC, Javier Pereira.   

O reitor, que presidiu o acto, declarou que “é unha verdadeira honra representar á nosa institución como sede deste seminario, 17 anos despois desde a última ocasión”,  un tempo “no que temos experimentado cambios significativos como a creación deste centro TIC, que conta coa valiosa aportación do profesorado da Facultade de Informática e no que convén salientar a importancia do talento feminino”. Ricardo Cao destacou tamén importante colaboración no ámbito da IA e a radioloxía, “unha asociación frutífera durante moito tempo e que agora se ve potenciada por ferramentas innovadoras que están revolucionando o diagnóstico, o cribado e a resposta rápida”.  

Na mesma liña, o director do CITIC, Manuel Penedo resaltou que “o noso centro desempeña un papel esencial na mellora da atención médica mediante o desenvolvemento de modelos preditivos ou a optimización de tratamentos personalizados”, xa que, tal e como lembrou “estamos asistindo a unha auténtica revolución en todo o proceso asistencial, provocado en grande medida pola irrupción dos novos modelos de IA. Estes modelos estanse a converter nunha ferramenta fundamental coa que, mediante os traballos desenvolvidos no noso centro, podemos contribuír dende a  elaboración de informes ata a interpretación da imaxe médica”. 

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, expresou a súa felicidade polo seu debut no cargo rodeado dos seus colegas e destacou que “a medicina será a primeira área en beneficiarse das vantaxes da intelixencia artificial, xa que optimizará os fluxos de traballo e permitirá avances significativos en diagnósticos temperáns”. Antonio Gómez afirmou que “o obxectivo principal da Consellería é lograr unha transformación dixital que reflicta os valores galegos: accesibilidade, flexibilidade, equidade e eficacia” e engadiu que “ se busca que a intelixencia artificial sexa útil tanto para os pacientes como para aquelas persoas que se encargan do seu coidado”.  

Desde a predición na resposta a emerxencias ao diagnóstico por imaxe 

O CITIC da UDC, como centro de investigación de referencia, é recoñecido pola excelencia no coñecemento xerado no ámbito TIC e de transferencia tecnolóxica á sociedade. Concretamente, a IA ocupa máis da metade dos proxectos nos que se está traballando dende o centro en distintos ámbitos, como é a aplicación da Intelixencia Artificial para mellorar a predición e a resposta a emerxencias transfronteirizas. Así mesmo, no CITIC estanse a desenvolver novas técnicas de identificación forense, de interpretación da imaxe médica, e dirixidas a unha maior definición da imaxe da mamografía do cribado, así como de sistemas de axuda para a toma de decisións participativas para xestores de hospitais e pacientes ante situacións de crises, entre outros proxectos.  

Precisamente, o subdirector xeral de Sistemas e TIC da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, foi o encargado de falar da “Intelixencia Artificial no sistema público de saúde”, na primeira das exposicións que tiveron lugar ao longo da xornada.  

Os asistentes tiveron tamén a oportunidade de coñecer os resultados do II Congreso Nacional de estudantes de Radioloxía e Medicina Física (APURF) así como de escoitar un total de seis presentacións libres, nas que se abordaron distintas experiencias en investigación e docencia nestas áreas como a situación actual da docencia en oncoloxía radioterapéutica nas facultades de Medicina españolas ou actualización de contidos na área de radioloxía. Os asistentes coñeceron o proxecto “CineM3D: Visualización médica 3D avanzada mediante o emprego da realidade virtual”, desenvolvido dende o CITIC polo investigador Ramón y Cajal José Antonio Iglesias Guitián, co que os asistentes experimentaron a capacidade dos entornos inmersivos con gafas de realidade virtual para ter unha nova perspectiva das estruturas humanas desde estudos de imaxe médica. 

O seminario continúa pola tarde cun taller práctico sobre IA aplicada e unha visita aos espazos e infraestruturas singulares do CITIC.