CITIC

O profesor Bairong Shen comparte a súa visión de “medicina intelixente” para atención personalizada no CITIC da UDC

06/06/2024 - CITIC

O investigador Bairong Shen impartiu no CITIC da UDC este día 6 un relatorio titulado “Translational Informatics and Future Dixital Medicine”, como parte das actividades organizadas polo grupo RNASA-IMEDIR, coordinado polo investigador do CITIC, Alejandro Pazos.  

O relatorio do profesor Shen destacou a importancia da “medicina intelixente”, un novo paradigma que combina a tecnoloxía da información coa práctica médica, buscando proporcionar atención médica personalizada, precisa e intelixente. Este campo, apoiado e impulsado polos biobancos, ofrece oportunidades significativas para a atención médica, a pesar de enfrontar certos desafíos. 

O Profesor Shen, director executivo dos Institutos de Xenética de Sistemas no Hospital de China Occidental da Universidade de Sichuan, foi un pioneiro na aplicación da informática traslacional no ámbito biomédico. A súa charla destacou como a aplicación da informática traslacional abarca desde o diagnóstico ata o tratamento, a prevención e a educación, utilizando como exemplo o cancro de próstata. 

“Ao integrar datos de alta calidade e modelos interpretables, a medicina intelixente pode ofrecer solucións médicas máis precisas e personalizadas, mellorando os resultados do tratamento e as taxas de supervivencia dos pacientes”, afirmou o Profesor Shen durante o seu relatorio. 

O evento tamén contou coa presenza do investigador do CITIC Alejandro Pazos, coordinador do grupo RNASA-IMEDIR, quen facilitou a visita do Profesor Shen e destacou a relevancia das súas contribucións á investigación biomédica. Ademais, impartiu o relatorio “New Technological Advances in Personalised Healthcare in the Next 10 Years”, no que revisou os avances tecnolóxicos que se espera que sucedan nos próximos anos e, ademais, como a intelixencia artificial influirá no seu desenvolvemento. Tras esto, introduciu un paradigma das causas das enfermidades e o que se coñece como Medicina das “nP” (Proactiva, Preditiva, Preventiva, Personalizada, Precisa, Poliprofesional, Participativa, Permanente e Periférica). Ademais, explicou como a IA pode axudar nestas características a través das investigacións realizadas polo grupo RNASA-IMEDIR.  

Bairong Shen, cunha traxectoria de máis de 25 anos no campo da bioinformática e a medicina intelixente, publicou máis de 200 artigos científicos e 10 libros. Ademais, foi revisor de máis de 30 revistas internacionais e é membro afiliado do Instituto de Bioloxía de Sistemas en Seattle.