CITIC
20221013_131628

O profesor Bogdan da Universidade Tecnolóxica de Varsovia sobre a súa estadía no CITIC: “Elixín este centro para aprender dos mellores”

17/10/2022 – CITIC

O profesor Grzegorz Bogdan da Warsaw University of Technology vén de concluír a súa estadía no CITIC, onde estivo traballando xunto cos investigadores Luis Castedo, Roberto Maneiro Catoira e José Antonio García Naya, nunha frutífera colaboración e un intercambio de coñecementos que esperan continuar no futuro.

Como valora súa estadía no CITIC e que contribucións aportou á súa liña de investigación?

Durante este período no CITIC estiven traballando cos profesores Luis Castedo, Roberto Maneiro Catoira e José Antonio García Naya en novos deseños conxuntos de antenas moduladas no tempo, con mellores prestacións e maior funcionalidade. Tiven a oportunidade de aprender novos conceptos que me permitiron deseñar dous prototipos experimentais que vou fabricar, medir e avaliar cando volva á Universidade Tecnolóxica de Varsovia. Esperamos tamén que os resultados se publiquen nun artigo de investigación conxunto.

Por que elixiu o CITIC?

O CITIC conta cun grupo de investigación líder no mundo que traballa no eido dos conxuntos de antenas moduladas no tempo, que é no que centro a miña investigación. Considero que os artigos publicados por Luis Castedo, Roberto Maneiro Catoira, José Antonio García Naya e Julio Claudio Brégains son os máis significativos no meu traballo científico. Elixín o CITIC da UDC para aprender dos mellores.

Pensa realizar continuar esta colaboración no futuro?

A miña estadía de catro semanas no CITIC foi cientificamente frutífera e espero facer novas aportacións co CITIC. Creo que existen moi boas perspectivas para as novas colaboracións, xa que tanto o meu grupo de investigación en Varsovia como o CITIC contribúen ao mesmo eido de coñecemento con enfoques complementarios.