O programa do CITIC Talentos Inclusivos participa na formación para talleres de robótica en hospitais de Galicia
O pasado venres 22 de novembro, celebrouse no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela a xornada de formación do proxecto “Talleres de robótica en hospitais”. Esta iniciativa, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Sanidade, conta coa colaboración do CITIC. O obxectivo do proxecto é achegar a tecnoloxía e a robótica aos hospitais galegos, ofrecendo unha experiencia educativa e motivadora aos nenos e nenas hospitalizados.
Durante a xornada, as 15 persoas asistentes tiveron a oportunidade de familiarizarse co material robótico que se empregará nas actividades e formarse no enfoque pedagóxico do proxecto. Os asistentes puideron coñecer o potencial de recursos como Scratch, Micro:bit, MakeyMakey, drons e robots programables.
A formación foi impartida por persoal investigador do CITIC, liderado polo seu subdirector, Javier Pereira, xunto con Jorge Rivadulla, Iago Fernández, Paula de Santos e Irene Brage, quen demostrou o funcionamento dos elementos robóticos que protagonizarán os talleres.
Este proxecto, que comezará en 2024, desenvolverase nas sete áreas hospitalarias de Galicia, reafirmando o compromiso das entidades participantes coa tecnoloxía como ferramenta de inclusión e apoio en contornas sensibles. A sesión do venres permitiu aos voluntarios traballar directamente cos materiais e resolver dúbidas para as futuras actividades.