O proxecto COVIBENS, exemplo internacional para a detección de COVID a través das augas residuais
22/03/2021 – CITIC
A investigadora do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Margarita Poza, foi invitada a participar este luns 22 de marzo no foro organizado pola Comisión Europea “SARS-CoV-2 Monitoring employing Sewers. Designing the EU Sewer Sentinel System for SARS-CoV-2 (EUS4)”. A microbióloga explicará os resultados do proxecto COVIDBENS (Monitorización de variantes do SARS-CoV-2 en augas residuais da Coruña), que lidera e do que tamén forman parte os investigadores do CITIC Susana Ladra e Ricardo Cao. O proxecto está financiado pola empresa pública Edar Bens, que se encarga do servizo de depuración de augas residuais da área da Coruña.
O proxecto é o primeiro modelo epidemiolóxico baseado en augas residuais que se podería adaptar para rastrexar a evolución da pandemia en calquera parte do mundo, monitorizando tanto aos individuos sintomáticos como aos asintomáticos, anticipando varios días a evolución do COVID-19 na poboación implicada.
A Comisión Europea pretende que os estados membros analicen as augas residuais e compartan os datos nunha plataforma europea para obter información sobre a evolución do coronavirus. Así, o proxecto COVIDBENS serviu de exemplo a nivel internacional, facilitando que a Comisión Europea tomase esta decisión.
A investigadora principal, Margarita Poza, sinala que “este modelo axuda a comprender, cun alto grado de fiabilidade, a verdadeira magnitude da pandemia nun lugar e nun momento dado, podendo utilizarse como ferramenta eficaz de alerta temperá para predicir brotes”.
COVIDBENS é un proxecto multidisciplinar que inclúe persoal experto en diferentes materias e que, grazas ao financiamento de Edar Bens e coa participación do INIBIC, o CITIC, o CICA e o CITEEC, conseguiu ser un importante fito na investigación científica galega.