
O proxecto europeo HYBRIDS conclúe no CITIC da UDC a súa cuarta sesión conxunta, reforzando alianzas fronte aos retos da desinformación
- Como peche do encontro, o venres celebrouse unha xornada conxunta entre HYBRIDS e o proxecto europeo AI-CODE, que se centra nos desafíos que presentan as redes sociais de próxima xeración.
- A transparencia logarítmica, a ética en IA e o desenvolvemento de sistemas intelixentes que integren adecuadamente a dimensión humana foron algúns dos temas abordados.
- Investigadores e investigadoras de distintos países compartiron sinerxías e resultados do desenvolvemento de competencias cruzadas entre as ciencias sociais e a informática.
A Coruña, 28 de abril de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu a semana pasada a cuarta reunión conxunta do proxecto europeo HYBRIDS (Fostering Hybrid Human-Artificial Intelligence), unha iniciativa financiada polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, que promove un enfoque innovador e multidisciplinar no ámbito da intelixencia artificial híbrida.
Desde o luns, investigadores e investigadoras de distintas disciplinas e países reuníronse nas instalacións do CITIC para avanzar nos obxectivos científicos do proxecto, compartir resultados, fortalecer as sinerxías entre os grupos de traballo e continuar desenvolvendo competencias cruzadas entre as ciencias sociais e a enxeñería informática.
O evento, denominado Joint Research Session IV, forma parte do plan formativo e colaborativo do proxecto HYBRIDS, e combina sesións científicas, dinámicas colaborativas e talleres orientados a enriquecer a interacción entre mozos investigadores e investigadoras predoctorales e expertos internacionais. Entre os temas abordados atópanse a transparencia algorítmica, a ética na IA, e o desenvolvemento de sistemas intelixentes que integren adecuadamente a dimensión humana.
Redes éticas
Nun contexto de crecente propagación de noticias falsas, desinformación e discursos de odio a través de redes sociais, HYBRIDS proponse avanzar cara sistemas de intelixencia híbrida que integren o coñecemento estruturado das ciencias humanas con ferramentas de procesamento da linguaxe natural e algoritmos de aprendizaxe profunda. Esta combinación busca superar as limitacións dos sistemas actuais de IA, achegando maior capacidade de razoamento, comprensión e contexto cultural ao tratamento da linguaxe.
A aposta por este enfoque híbrido responde á urxencia de protexer as democracias modernas, que dependen do acceso libre a información verificada e fiable. HYBRIDS forma a investigadores con perfís multidisciplinares que poidan crear ferramentas éticas, efectivas e tecnicamente sólidas para detectar e contrarrestar a desinformación dixital, contribuíndo así á sustentabilidade de prácticas democráticas responsables en Europa.
Evento conxunto co proxecto AI-CODE
Como peche do encontro celebrado ao longo da semana pasada, o venres, 25 de abril, tivo lugar unha xornada conxunta entre HYBRIDS e o proxecto europeo AI-CODE, que se centra nos desafíos que presentan as redes sociais de próxima xeración. AI-CODE explora como aproveitar as ferramentas de intelixencia artificial para axudar aos profesionais dos medios para combater a desinformación e mellorar a calidade do discurso público. Esta colaboración entre ambos os proxectos resalta a necesidade de enfoques colaborativos e interdisciplinares ante un dos maiores retos sociais do presente: a integridade da información na contorna dixital.
O proxecto
O proxecto HYBRIDS está financiado pola Unión Europea no marco das Accións Marie Skłodowska-Curie de Horizonte Europa (HEI MSCA) e cofinanciado por UK Research and Innovation (UKRI) a través da garantía de financiamento de Horizonte Europa. HYBRIDS é unha rede de doutoramento Marie Skłodowska-Curie que reúne a persoal de investigación novel para desenvolver competencias avanzadas e interdisciplinares. Céntrase na integración da intelixencia humana e artificial para abordar retos como a desinformación e o discurso de odio, á vez que fomenta a colaboración entre o mundo académico e a industria.
Coordinado polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, nel participan universidades asociadas, centros de investigación líderes, organizacións sen fins de lucro e empresas de innovación de toda Europa: Université de Caen (Francia), Universidade da Coruña (España), Universidade de Évora (Portugal), Radboud Universiteit (Países Baixos), Queen Mary University of London (Reino Unido), Consello Superior de Investigacións Cientificas (España), Fondazione Bruno. Kessler (Italia), GESIS-Leibniz-Institut fur Sozialwissenschaften (Alemaña), Fondazione Openpolis ETS (Italia), Fundación Universidade Empresa Galega (España), Factoria de software e multimedia SL (IMAXIN, España), Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH (IABG, Alemaña), Newtral (España) e Universita di Padova (Italia).
Para máis información sobre o proxecto HYBRIDS e as súas actividades: https://hybridsproject.eu