CITIC
Talentos Inclusivos_imagen

O proxecto Talentos Inclusivos, distinguido co I Premio de Boas Prácticas da Deputación da Coruña

27/04/2022 – CITIC

ASPACE Coruña recibiu o I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña polo proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido xunto co CITIC para a creación de adaptacións e deseños tecnolóxicos que faciliten a integración das persoas con parálise cerebral.

A distinción foi entregada nun acto celebrado en Expocoruña o pasado 8 de abril. Ademais de ASPACE Coruña, tamén foron premiadas outras dúas entidades sociais: Nuestra Señora de Chamorro e Utaca. No evento déronse cita centos de representantes do ámbito sociosanitario da provincia e serviu para poñer en valor a función e o servizo que dan á cidadanía estas tres entidades premiadas, que roldan os 50 anos de experiencia.

Apoiado polo Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta e o Concello da Coruña, Talentos Inclusivos ten o dobre obxectivo de espertar vocacións STEM entre a mocidade e, ao mesmo tempo, sensibilizar sobre a diversidade funcional, a través da colaboración entre equipos de traballo formados por estudantes de secundaria e usuarios de ASPACE Coruña para resolver retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral.