O VII Congreso XoveTIC reúne a 120 investigadores mozos nun evento no que se presentan 74 traballos nas áreas más innovadoras das TIC
- O Congreso celébrase os días 17 e 18 de outubro no CITIC e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña.
- Alejandro Rodríguez, do RC Deportivo, abriu o evento cunha sesión plenaria sobre o uso das TIC no deporte.
- Ao longo destas dúas xornadas presentaranse investigacións sobre intelixencia artificial, modelos de linguaxe, realidade virtual e ciberseguridade, entre outros temas.
A Coruña, 17 de outubro de 2024.-O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña iniciou esta mañá a sétima edición do Congreso XoveTIC, que se celebrará este xoves e venres en A Coruña. Esta edición reúne a máis de 120 investigadores e investigadoras mozas durante dúas xornadas nas que se presentarán 74 traballos científicos nas áreas máis innovadoras das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. O congreso é un referente na promoción de novos talentos no ámbito científico, ofrecendo aos participantes un espazo para o debate e a formación a través de comunicacións orais e pósteres.
Na sesión de apertura, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, salientou a importancia deste evento para a comunidade científica emerxente:
“O Congreso XoveTIC é unha oportunidade única para que as persoas mozas investigadores amosen os seus avances e conecten con outros profesionais do sector. Aquí é onde se xestan moitas das colaboracións que impulsarán o futuro da investigación en tecnoloxías disruptivas.”
O reitor aproveitou para destacar a importancia da Facultade de Informática como canteira de persoal investigador para o CITIC, e animou á mocidade presente a explorar unha das liñas existentes para investigar, os doutoramentos industriais, os cales buscan resolver problemas singulares de empresas a través da innovación tecnolóxica e científica.
Pola súa parte, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, subliñou o compromiso do centro coa innovación e a formación de novos talentos: “O noso obxectivo é proporcionar aos investigadores mozos as ferramentas e o ambiente necesarios para desenvolver investigacións de excelencia. O CITIC segue apostando polo talento emerxente e por proxectos que teñan un impacto directo na sociedade.”
Despois da sesión inaugural, a sesión plenaria correu a cargo de Alejandro Rodríguez, representante do RC Deportivo, quen falou sobre a aplicación das TIC no deporte profesional e os desafíos tecnolóxicos na xestión de datos no fútbol.
Deporte, realidade virtual, linguaxe e saúde
Ao longo da xornada, presentáronse diversas comunicacións orais que abordaron temas de actualidade e relevancia no ámbito das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. Os participantes afondaron en estudos como a “transferencia na detección de accións no fútbol a diferentes dominios”, unha comunicación que se centrou en como as técnicas de detección de accións aplicadas ao fútbol poden ser adaptadas e transferidas a outros contextos, explorando así as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para mellorar o rendemento deportivo.
Outra presentación abordou os “principios éticos e deontolóxicos na xestión do estrés militar mediante realidade virtual”. Neste estudo, analizáronse os desafíos éticos e deontolóxicos que xorden na formación destinada á xestión do estrés no ámbito militar, utilizando contornos inmersivos de realidade virtual.
Tamén se presentou unha aplicación para tablet, para traballar rutinas e emocións en persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), un traballo que destacou unha aplicación deseñada para mellorar o sentido do humor, a comprensión dos sentimentos e a xestión de rutinas diarias en persoas con TEA a través de xogos interactivos.
Ademais, amosáronse os avances no desenvolvemento de Cabuxa, un modelo de linguaxe baseado en intelixencia artificial que aborda o desafío de procesar textos en linguas infrarrepresentadas, destacando a súa utilidade para a preservación e promoción destes idiomas.
O coidado da saúde foi outro dos eixos temáticos que centraron as presentacións, nas que se abordou, por exemplo, o “uso de aprendizaxe automática para combater a toxicidade en conversas de saúde en liña”. Esta investigación explorou como os algoritmos de aprendizaxe automática poden ser utilizados para detectar e reducir a toxicidade en foros e plataformas dixitais que tratan temas de saúde, co obxectivo de crear contornos máis seguros para os usuarios.
Clausura e premios
O Congreso XoveTIC pecharase o 18 de outubro cunha nova xornada de presentacións científicas e a entrega de premios aos mellores traballos, seleccionados por un comité científico que valorará a calidade e orixinalidade das investigacións presentadas.
Para máis información sobre o programa completo do congreso, pódese consultar o sitio web oficial: https://xovetic.citic.udc.es.