CITIC

Os centros educativos xa poden presentarse á VI edición do programa Talentos Inclusivos do CITIC da UDC

25/09/2025 - CITIC
  • O programa busca impulsar a creatividade, o pensamento tecnolóxico e a colaboración entre alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, promovendo solucións innovadoras para a atención á diversidade.
  • O prazo de apertura de solicitudes está aberto ata o 7 de outubro.

A Coruña, 25 de setembro de 2025.- Os centros educativos de Galicia xa poden facer as súas solicitudes para participar na vindeira edición do programa do CITIC Talentos Inclusivos, unha iniciativa que conecta a mocidade con retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral e fomenta as vocacións STEM.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, convocou a VI edición do programa educativo Talentos Inclusivos para o curso 2025-2026.

O programa combina innovación tecnolóxica e atención á diversidade, impulsando a creatividade, o pensamento tecnolóxico e a colaboración entre o alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, promovendo solucións tecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade. Grupos de traballo formados por estudantes, profesorado, personal investigador do CITIC da Universidade da Coruña e entidades sociais colaborarán no deseño e desenvolvemento de retos tecnolóxicos reais. As propostas poderán abarcar ámbitos como comunicación aumentativa, robótica con fins rehabilitadores, domótica accesible, impresión 3D de produtos de apoio ou xogo inclusivo.

Participación aberta e compromisos dos centros
Cada reto contará con ata 10 estudantes, mentres que cada centro poderá implicarse en máis dun, cun máximo de 40 participantes. A selección de centros realizarase mediante criterios que valoren experiencia previa, dispoñibilidade de recursos tecnolóxicos e instalacións, así como participación noutros programas educativos similares.

As solicitudes deberán enviarse por correo electrónico a asesoria.igualdade@edu.xunta.gal ata o vindeiro 7 de outubro, día que finaliza o prazo de presentación de solicitudes.

O profesorado participante recibirá unha certificación oficial de 20 horas de formación permanente en innovación educativa, recoñecendo a súa contribución á implementación e coordinación do programa. Prevese que esta edición continúe impulsando a visibilidade da discapacidade como ámbito de innovación e que o alumnado adquira competencias técnicas, actitude colaborativa e conciencia social. Os resultados tecnolóxicos desenvolvidos poderán aplicarse nos centros, entidades sociais e a través do CITIC, promovendo un modelo educativo inclusivo e tecnoloxicamente avanzado.

Sobre Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña, e conta co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.

O seu obxectivo é despertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos plantexados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, o alumnado de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia ten que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por persoas usuarias da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, a Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP) e o centro de Formación Profesional de Cruz Roja A Coruña.

Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área transversal a todas elas: Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).