CITIC

Os riscos do custo enerxético da Intelixencia artificial, a debate no CITIC da UDC

10/03/2025 - CITIC
  • Coral Calero Muñoz, catedrática da Universidade de Castela – A Mancha e membro do Comité Español de Ética da Investigación, advirte dos perigos dos elevados custos enerxéticos das TIC e a necesidade de reducir o seu impacto ambiental.
  • Aposta, entre outras solucións, pola medición efectiva do consumo de enerxía para poder reducilo.
  • Esta charla enmarcouse no ciclo de conferencias da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.

A Coruña, 10 de marzo de 2025.- Case o 68% da poboación mundial é usuaria da internet. Todo o tráfico anual da internet supón 100 Zettabytes. As emisións de C02 de Netflix nun día equivalen a un coche dando 3.248 voltas ao mundo. Publicar un reel de 15 segundos en Instagram consome a mesma enerxía que postear 8 fotos. Son algúns dos datos que a experta Coral Calero, catedrática da Universidade de Castela – A Mancha, mostrou no CITIC da UDC para advertir dos riscos que supón para a sustentabilidade global o elevado custo enerxético das TIC.

“A intelixencia artificial é unha das tecnoloxías con maior proxección en tódalas áreas de actividade e está a ter un impacto transformador en moitos sectores”, asegurou Coral Calero. No escenario actual, cun uso cada vez maior de ferramentas de intelixencia artificial e unha alta demanda mundial de solucións TIC por parte de empresas non tecnolóxicas, as compañías tech están a investir millóns de dólares en crear produtos e servizos de IA que satisfagan estas necesidades.

Esta situación implica un elevado consumo de enerxía e recursos, situación que exemplificou expoñendo o custo de adestrar modelos de linguaxe a gran escala, como GPT-3 ou Bloom, un dos modelos de linguaxe máis grandes. “Non só falamos de electricidade, senón tamén de auga, por exemplo”, explicou Calero. “Os enfriadores de auga nos centros de datos disipan a calor a través dun ciclo de recirculación, pero este método provoca a evaporación do 80% da auga, acumulando salgues e minerais que poden danar o sistema.”

Medir para controlar

A clave para garantir que un software sexa realmente eficiente desde o punto de vista medioambiental é poder medir o seu impacto. Sabendo canta enerxía e medios se necesitan para adestrar unha ferramenta de intelixencia artificial, poderemos optimizar o seu desenvolvemento e contribuír a unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente. Neste sentido, a sustentabilidade do software converteuse nun aspecto clave para o desenvolvemento de solucións responsables e eficientes. Con todo, Coral Calero destacou que é importante diferenciar entre sustentabilidade do software e o green software, xa que este último representa só unha parte do concepto global de sustentabilidade.

Como indicou Calero Muñoz durante o seu relatorio, a sustentabilidade do software abarca tres dimensións fundamentais que deben ser tidas en conta á hora de deseñar novas aplicacións: a económica, a social e a medioambiental. Esta última é a que se coñece como green software e céntrase en reducir o impacto ambiental do desenvolvemento e uso de aplicacións informáticas.

As medicións poden facerse desde dúas aproximacións diferentes. A través de software de estimación, aplicacións que se instalan no computador e que proporcionan unha estimación do consumo enerxético; ou a través de medidores hardware, dispositivos externos conectados ao computador que rexistran datos reais sobre o consumo enerxético.

Segundo explicou Coral Calero, no seu grupo de investigación traballan nun método de medición de consumo, chamado Green Software Measurement Process (GSMP), composto por varias fases, que van desde a definición de alcance, a configuración da contorna de medición ou a análise final. O seu obxectivo, ademais da divulgación científica, é “proporcionar a empresas de desenvolvemento software trucos ou ideas para que os seus deseños sexan verdes”.

Investigación sostible

A Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes é unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia artificial) concedidas polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Dirixida pola investigadora do CITIC, Verónica Bolón, a cátedra busca os chamados “algoritmos verdes” ou o que é o mesmo, reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sostibles a través da investigación.

O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 deles adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora” (ED431G 2023/01).