CITIC

Posta en marcha de probas dos dispositivos de realidade virtual na sala de demostradores do CITIC

05/03/2021 – CITIC

Un equipo de investigadoras e investigadores do CITIC atópase realizando probas de dispositivos de realidade virtual na sala de demostradores do centro, da man de usuarios con diversidade funcional, co obxectivo de analizar a súa aplicabilidade e experiencia de uso.

Por unha banda, analizáronse diferentes aplicacións comerciais dispoñibles en plataformas como STEAM e VIVPort para ser utilizadas co sistema de realidade virtual nas instalacións do CITIC. Estas probas teñen o obxectivo de valorar a aplicabilidade de aplicacións comerciais no proceso de rehabilitación e intervención en actividades da vida diaria dirixida a persoas con diversidade funcional. Por outra banda, valorouse a experiencia de usuario durante e despois do uso da aplicación.

Ademais, no marco do proxecto financiado pola convocatoria “Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade 2019 (proxectos coordinados)”, co título “Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio”, tamén se están desenvolvendo escenarios virtuais propios para simulación de diferentes escenas da vida diaria. O obxectivo é xerar diferentes opcións personalizables que permitan seleccionar escenarios adecuados ás características da persoa. Isto dará vantaxe aos profesionais de Terapia Ocupacional e Fisioterapia á hora de traballar mediante actividades cotiás nesta contorna virtual, de xeito individualizado e personalizado, que posteriormente será trasladable á súa vida real.