Potencial da condución autónoma no CITIC da UDC
- Hoxe celebrouse un workshop sobre os avances en simulación e xeración sintética de datos anotados para vehículos autónomos
- Escenarios virtuais, IA xenerativa ou análise de datos a gran escala marcan a tendencia investigadora
A Coruña, 20 de decembro de 2024.-O CITIC da UDC foi o punto de encontro para abordar os avances en simulación e xeración sintética de datos anotados para vehículos autónomos. A situación actual, potencial, posibles liñas de investigación e colaboracións futuras sobre condución autónoma centraron o programa do workshop organizado polo grupo Computer Graphics & Visual Computing (XLab) en colaboración co CITIC.
Persoal de investigación do proxecto Automatic Data Anotation by Semi-Supervised Learning and Procedural Generation of Augmented Secenarios (ADA), integrado na convocatoria de Proxectos de I+D+i de Xeración de Coñecemento, da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, expuxeron resultados, reflexións e achegas do subproxecto Procedural Generation of Augmented Scenarios with Automatic Data (PGASADA). No encontro participou persoal de investigación do CITIC da UDC, da Universitat Politècnica de Catalunya e da Universitat Jaume I de Castelló.
Proxectos: percorrido e vantaxes
Un dos traballos presentados por José A. Iglesias Guitián, denominado UrbanSyn, consiste nun dataset sintético aberto que ofrece escenas de condución fotorrealistas con máis de 7.500 imaxes. Deseñado para reducir a brecha entre dominios sintéticos e reais, ofrece, en opinión de Iglesias: “diversidade e calidade en múltiples escenarios de condución, cun alto grao de realismo logrado mediante técnicas avanzadas de trazado de raios e denoising. UrbanSyn está aberto tanto para fins de investigación como comerciais.
O workshop abordou tamén as oportunidades que ofrece a mobilidade conectada, cooperativa e automatizada e o camiño desde a tecnoloxía como fin á tecnoloxía como ferramenta. A cargo de Margarita Martínez Díaz da Universitat Politècnica de Catalunya, baixo este relatorio ofrecéronse ademais datos sobre o proxecto nacional PLATOON, no que se definen estratexias de xestión de platoons de vehículos autónomos en autoestrada, e o proxecto europeo CulturalRoad, que busca desenvolver unha metodoloxía que permita avaliar o grao de equidade das solucións baseadas CCAMs, poñendo o foco na diversidade xeográfica e cultural.
A xeración de datasets sintéticos foi outro dos temas tratados na presentación HighwayScapes: Xeración de metadatos por píxel en imaxes 2D para autovías ou autoestradas, defendida por José Ribelles da Universitat Jaume I. Expuxo un novo sistema para crear imaxes 2D anotadas a partir de mundos virtuais 3D, especificamente deseñados para o ámbito de autoestradas.
Os datos sintéticos xerados en escenarios virtuais 3D foron tamén tratados por Manuel Silva, do CITIC, como unha alternativa habitual para crear datasets de imaxes etiquetadas a nivel de píxel, útiles para adestrar modelos de percepción neuronal como os de segmentación semántica.
Outra das liñas desenvolvidas como parte do proxecto Automatic Data Anotation by Semi-Supervised Learning and Procedural Generation of Augmented Scenarios (ADA), na que traballa o investigador do CITIC Omar A. Mures, é o uso da IA xenerativa como alternativa para a xeración de datasets sintéticos para condución autónoma. No seu traballo explora o uso de modelos xenerativos de IA para crear automaticamente datos sintéticos etiquetados. Estes modelos permiten introducir diversidade, como condicións climáticas ou detalles finos, superando as limitacións das simulacións tradicionais, que adoitan ser custosas.