
Predición, decisión e datos: o profesor Paulo Cortez fala no CITIC de como a IA transforma sectores crave
- No ámbito da saúde, mostrou como é posible predicir eventos críticos en unidades de coidados intensivos mediante modelos de aprendizaxe automática aplicados a datos clínicos.
A Coruña, 7 de xullo de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este luns a conferencia do profesor Paulo Cortez, catedrático da Universidade do Minho, considerado unha das principais voces no campo da intelixencia artificial aplicada. A charla, titulada “Artificial Intelligence for Predictive and Prescriptive Analytics: Methods and Applications”, tivo lugar na Sala Cloud do CITIC e reuniu a un público formado por persoal de investigación, profesionais do sector tecnolóxico e estudantes, tanto de forma presencial como en liña.
A actividade enmarcouse na estratexia do CITIC de fortalecer o intercambio de coñecemento científico e fomentar a colaboración con centros de investigación internacionais de referencia. Durante a súa intervención, Cortez ofreceu unha visión detallada de como as técnicas de machine learning, optimización evolutiva e modelos explicables (XAI) poden aplicarse de forma eficaz para predicir comportamentos complexos e prescribir accións en contornas reais.
O profesor expuxo casos de estudo en distintos sectores produtivos, baseados na súa experiencia de máis de dúas décadas. No ámbito da saúde, mostrou como é posible predicir eventos críticos en unidades de coidados intensivos mediante modelos de aprendizaxe automática aplicados a datos clínicos. Tamén presentou as súas investigacións na industria vinícola, centradas na estimación da calidade e os prezos do viño a partir de millóns de rexistros procedentes da plataforma Vivino.
Na área financeira e do márketing, analizou como o uso de algoritmos preditivos pode anticipar o éxito de campañas de telemarketing bancario, mentres que na contorna industrial destacou a utilidade dos modelos de series temporais para detectar de forma anticipada movementos físicos de risco entre traballadores, co fin de previr lesións. Finalmente, no contexto das cidades intelixentes, explicou o desenvolvemento dun sistema de encamiñamento multimodal sostible, probado na cidade do Porto, baseado en algoritmos evolutivos de optimización.
Cortez tamén fixo fincapé na importancia da interpretabilidade dos modelos, presentando ferramentas como o paquete rminer en R, que permiten realizar análise de sensibilidade para comprender o funcionamento interno dos algoritmos, unha achega crave nun momento en que a transparencia na intelixencia artificial é unha demanda crecente.
A traxectoria do profesor Paulo Cortez foi recentemente recoñecida coa distinción Portuguese Excellence Professor of Artificial Intelligence 2025, concedida pola Fundación Ramón Areces. Conta con máis de 220 publicacións científicas en revistas e congresos internacionais, un índice h de 53 en Google Scholar e 33 en Scopus , e máis de 15.800 e 6.500 citas, respectivamente. Actualmente exerce como catedrático no Departamento de Sistemas de Información da Universidade do Minho e como subdirector do centro de investigación ALGORITMI.
Ao finalizar a sesión, o CITIC ofreceu aos asistentes a posibilidade de manter reunións individuais co profesor Cortez, co obxectivo de identificar oportunidades de colaboración e dar a coñecer as liñas de investigación que se desenvolven en intelixencia artificial e ciencia de datos na Universidade da Coruña.